Xoves 30 Novembro 2023

A auga doce matou o berberecho: como medir os efectos da salinidade nas rías

Científicas da USC desenvolven un modelo que avalía a caída de sales minerais pola apertura de encoros ou o cambio climático

Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de propoñer unha metodoloxía coa que avaliar os efectos da variación da salinidade nas augas, incluíndo por primeira vez impactos positivos asociados a un aumento da concentración, ou efectos negativos asociados a un descenso. O método, aplicado a un estudo de caso na Ría de Arousa, foi desenvolvido pola doutoranda Alba Roibás, as profesoras da USC Almudena Hospido e Anuska Mosquera, así como a investigadora Montserrat Núñez do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), e amplía as metodoloxías clásicas en análise de ciclo de vida para poder incluír impactos asociados a variacións na concentración de substancias elementais que, tal e como sucede co sal, non poden ser modeladas como un contaminante.

“Malia que é de sobra coñecido que os cambios na salinidade afectan aos ecosistemas, ata o de agora, non había modelos ambientais que permitisen medir eses efectos, e as propostas metodolóxicas que existían consideraban o sal dende o enfoque da ecotoxicidade”, explican as investigadoras. Este enfoque implica que, a maiores concentracións de contaminante, maiores efectos. Pero o sal non é un contaminante, senón unha substancia esencial, polo que esta aproximación non ten en conta os efectos negativos dun descenso na salinidade na auga —coma o das rías galegas— ou os efectos positivos debido a un aumento da concentración —cando a salinidade das rías se recupera tras o evento de baixa salinidade—.

Cambio climático

“Nos últimos anos, tiveron lugar repetidos eventos nos que os peixes e algúns molusco como o berberecho morreran masiva e repentinamente nas rías galegas, onde a única explicación posible para estes sucesos foi a baixada drástica da salinidade debido á apertura dos encoros”, engaden as científicas. As actividades antropoxénicas como a irrigación ou a xestión de presas, poden chegar a modificar drasticamente a salinidade das augas de transición entre auga doce e salgada, como a das rías galegas. “Ademais, o cambio climático está a intensificar o ciclo da auga no planeta, alterando os patróns das precipitacións e da evaporación, polo que a salinidade da auga está a cambiar”, subliñan dende o equipo investigador.

O traballo recentemente publicado co título ‘Modeling the Impact of Salinity Variations on Aquatic Environments: Including Negative and Positive Effects in Life Cycle Assessment’ na revista Environmental Science and Technology evidencia tamén a concentración óptima que debe existir no ecosistema para que este se atope en condicións de normalidade. “Polo tanto, concentracións de sal por enriba ou por debaixo dese nivel, xerarán impactos negativos no ecosistema”, matizan.

As investigadoras da USC que toman parte na investigación son membros do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BIOGROUP) e tamén do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). O traballo foi financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) a través do proxecto recentemente finalizado TREASURE [CTQ2017-83225-C2-1-R] e tamén a través do programa postdoutoral Beatriu de Pinós do goberno catalán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ante o cumio do clima: “Non somos unha excepción, haberá impactos importantes”

Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático, reflexiona sobre a crise actual e as medidas que podemos asumir para reverter esta situación

Os retos do coñecemento

Artigo do reitor da Universidade de Vigo con motivo do décimo aniversario de Gciencia

A mortalidade por calor podería multiplicarse case por cinco a mediados de século

Un estudo advirte sobre a inacción fronte ao cambio climático e os seus perigos para a saúde. Os autores demandan medidas urxentes

Historia da primeira portada: o deputado que escapou a Copenhage a investigar

Gciencia localizou en 2013 en Dinamarca a David Calviño, protagonista dun soado abandono da política. Agora investiga en Ourense: "As cousas melloraron bastante”