Martes 28 Novembro 2023

Queres adoptar un golfiño da ría de Arousa? Así podes facelo

O Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, con sede no Grove, ofrece a posibilidade de apadriñar un exemplar dos 40 que están estudando

Cruzas en catamarán a ría de Arousa e ves como un grupo de golfiños acompañan a túa travesía. Son en realidade arroaces (Tursiops truncatus) que habitan as augas galegas e que, como nadan moi preto da costa, están habitualmente ameazados por actividades como a pesca e o tráfico mariño. Dende O Grove, o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) xa identificou e estudou 200 destes exemplares dende o 2014. Co obxectivo de concienciar sobre a importancia da biodiversidade mariña, da súa conservación e, en especial, dos arroaces, lanzaron un proxecto de apadriñamento dos exemplares a estudo, que neste momento son 40. Tamén ofrece a opción de darlle nome a algúns dos cetáceos identificados.

O arroaz Tursio. Foto: BDRI

Segundo explican dende o BDRI, as persoas que desexen adoptar os arroaces poderán coñecer primeiramente as súas características, unha breve biografía e os trazos de personalidade “que os fan únicos”. Dende o centro do Grove tamén indican que os exemplares se poden diferenciar individualmente “grazas ás marcas naturais, como as cicatrices, na súa aleta dorsal”. Un dos exemplos é Tursio, un dos primeiros arroaces identificados no Grove polo equipo do BDRI. Segundo apuntan, ten unha marca no medio da súa aleta dorsal. Tamén lle gusta saltar fóra da auga e “xogar cos seus amigos” entre as bateas da ría de Arousa.

Tursio, denominado así pola Atlantic Barroco Orchestra, tan só é un exemplo. Está Luna, unha femia nova que xa tivo dúas crías dende 2014. Tamén Piipa, outro arroaz que sempre está pendente do seu cachorro, ensinándolle o importante que é socializar cos da súa idade. Pero tamén están Dulce, Maximus, Sophie e outros tantos exemplares, moitos deles sen nome. Dende o BDRI tamén dan a posibilidade de poñerlles un. Para iso, débense aboar 200 euros e se só se quere apadriñar un exemplar, serían 50 euros. “Os fondos de dito programa dedícanse exclusivamente ás actividades de estudo e conservación da poboación de arroaces residentes na ría de Arousa”, expoñen dende o centro do Grove.


Podes saber máis do proxecto nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

As candorcas volverán esta semana a Galicia

Os expertos confirman o avistamento de 'Orcinus orca' á altura de Braga, polo que se prevé a súa entrada nas Rías Baixas nos próximos días

Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"

Por que as candorcas entraron na ría de Arousa?

Os expertos non se sorprenden pero recoñecen que non hai constancia de que se producise un feito semellante, cando menos nos últimos anos