Xoves 30 Novembro 2023

Unha marea vermella tingue o litoral da ría de Vigo

Provocada pola concentración de Noctiluca scintillans, tamén é responsable dos fenómenos de mar de ardora rexistrados nos últimos días

En datas recentes observáronse mareas vermellas non tóxicas nas Rías de Vigo e Pontevedra cun ton alaranxado intenso, que resulta moi espectacular cando se acumulan na beira das praias. O organismo responsable destas mareas é un dinoflaxelado heterótrofo inocuo, Noctiluca scintillans, que posúe unha limitada capacidade de movemento e desenvolve proliferacións de forma habitual durante o verán nas rías galegas, especialmente entre xullo e setembro.

Estes organismos dispérsanse coas correntes superficiais e durante esta época as condicións ambientais (estabilidade e maior temperatura) e a abundancia de alimento (plancto) producen que as súas poboacións medren ata o punto de tinguir a auga de mar.

O seu tamaño adoita roldar entre 0,5-1 mm e poden verse a primeira ollada como bolitas diminutas que flotan na auga. Posúen un único flaxelo de gran tamaño e no interior aprécianse a miúdo os restos de presas das que se alimenta: toda clase de microorganismos planctónicos, incluíndo fitoplancto (diatomeas, outros dinoflaxelados, etc) e microzooplancton. Non é tóxica nin realiza fotosíntese, pero si contén compostos alaranxados (carotenoides) que dan cor ás súas proliferacións.

Noctiluca scintillans é unha especie cosmopolita en latitudes baixas e medias. Noutras rexións do mundo as proliferacións de Noctiluca poden ter cores rosáceas e mesmo verdes, debidas estas últimas a microalgas verdes que viven no seu interior.

VÍDEO. Así corusca a ardora no mar de Carnota

“Noctiluca non expón ningún risco para a saúde pública”, sinala Francisco Rodríguez, investigador do Departamento de Fitoplancto Tóxico e Mareas Vermellas do Centro Oceanográfico de Vigo, “aínda que nalgún caso describiuse sensación de proído leve na pel asociado á liberación de amonio na auga durante as súas proliferacións”.

A súa característica máis interesante, e que comparte con outros xéneros de dinoflaxelados, é a bioluminiscencia, que resulta especialmente intensa en Noctiluca debido ao seu tamaño. Tamén coñecida como “mar de ardora”, consiste en escintileos de luz que se activan por axitación mecánica.

A vibración activa nas células impulsos eléctricos que provocan unha diminución do pH nos centellones (orgánulos celulares esféricos), que activa a luciferasa e libera a luciferina, a cal sofre unha oxidación na que se producen fotóns azulados en Noctiluca (λ=475 nm). “Durante a noite observouse unha intensa ardora, dado que as células non se dispersaron demasiado e podía verse aínda cor na auga á noitiña”, sinala Francisco Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Vigo estuda como mellorar a pesca de arrastre para protexer os cetáceos

O IEO está probando dispositivos para reducir os descartes e evitar a captura accidental de especies protexidas

A temperatura da ría de Vigo foi estable ata 2020: estamos ante un cambio brusco de ciclo?

Un equipo do IEO recoñece que está sendo un "verán atípico" e con valores moi altos nas Rías Baixas, pese á tendencia dos últimos 30 anos

As altas temperaturas do Atlántico atraen especies tropicais a Galicia: estas son as principais

Varios exemplares de 'Coryphaena hippurus', propia de augas cálidas, apareceron hai uns días no porto de Malpica

A microalga tóxica das rías galegas adapta o seu ciclo vital aos afloramentos das mareas

'Dinophysis acuminata' resiste en augas exteriores e medra rapidamente na costa cando se dan as condicións óptimas