Investigadores da Universidade da Coruña, pertencentes ao Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva, en colaboración con científicos da Universidade de Wageningen (Países Baixos) e coa empresa asociada á UDC, AllGenetics, veñen de facer público un traballo de investigación en que confirman a existencia dunha especie de navalla Ensis minor na costa galega. A especie atopouse concretamente nas localidades de Lira e Vigo.
No traballo realizado polos biólogos coruñeses Joaquín Vierna, Alejandra Perina, Andrés Martínez-Lage e Ana M. González-Tizón utilizáronse ferramentas xenéticas para determinar o número de especies de Ensis que habitan na costa atlántica. Nel aséntanse as bases para a identificación xenética deste importante recurso marisqueiro mediante a metodoloxía coñecida como “DNA barcoding”.
A cuarta especie comercial
O sector marisqueiro de Galicia consideraba ata a data a existencia de tres especies comerciais de navallas, Ensis siliqua, Ensis magnus (anteriormente coñecida como Ensis arcuatus) e Solen marginatus, ás cales engádese agora Ensis minor. Segundo explican os autores do estudo, Ensis minor é unha especie que habita tanto na costa atlántica europea coma no Mediterráneo, pero a súa existencia en Galicia pasárase por alto ata a data, probablemente debido ao seu elevado parecido morfolóxico con Ensis siliqua.
Nun informe remitido en setembro aos responsables da Consellería do Medio Rural e do Mar, os biólogos da UDC recomendan que se estude qué especie de navalla é a predominante en cada poboación natural, para poder certificar o recurso marisqueiro, xestionar apropiadamente os stocks e garantir a trazabilidade alimentaria.