A medida xa fora adoptada a partir de agosto de 2018, despois da modificación da Lei do Patrimonio Natural e Biodiversidade, pero esta nova tempada de pesca en Galicia, que comezará o 17 de marzo e terminará o 31 de xuño con carácter xeral, será a primeira que comezará coa autorización de capturar catro das especies exóticas invasoras que máis problemas causan nas augas interiores de Galicia: a perca negra (Micropterus salmoides), a carpa (Cyprinus carpio), o cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e o cangrexo sinal (Pacifastacus leniusculus).
O cambio lexislativo, a nivel estatal, establece que ata que se aproben os instrumentos normativos de planificación e xestión e a delimitación cartográfica da área ocupada por estas especies invasoras, as Comunidades Autónomas poderán autorizar a práctica da pesca nas súas distintas modalidades, en zonas delimitadas, daquelas especies que teñan relevancia social e/ou económica, adoptando as debidas medidas tentes a salvagardar o medio natural e do ecosistema onde se desenvolvan.
A norma non aborda dimensións mínimas nin cotas de captura. Para asegurarse de que a pesca cumpre co obxectivo de limitar as poboacións destes animais alóctonos, os exemplares que sexan extraídos da natureza por calquera procedemento non poderán ser transportados con vida nin devoltos ao medio natural, debendo ser sacrificados no momento da captura.
O texto, publicado no Diario Oficial de Galicia, recolle a relación de lugares onde se poderán capturar estas especies:
Perca americana común e carpa
– Todo o ano nos encoros de Zamáns, O Vao, Montefurado, As Portas, As Conchas, Lindoso, Vilasouto, A Hedrada, Cecebre, Belesar, Castrelo de Miño, Cachamuíña, A Frieira, Os Peares, Velle, Pumares, San Martiño, San Pedro, Santiago, Santo Estevo, Sequeiros, Leboreiro e Portodemouros. En todos os casos, os límites dos encoros son os que se sinalan no anexo VIII da orde, que se pode consultar no DOG.
– Tramos fluviais dos ríos Miño e Sil comprendidos entre os encoros sinalados no punto anterior. O período hábil de cada tramo será o establecido na normativa xeral ou nos réximes especiais do anexo XIII.
Cangrexo vermello americano e cangrexo sinal
– Encoros de Sabón, As Forcadas e Cecebre (agás tramos vedados): todo o ano.
– Ríos Sil e Bibei: todo o ano.
– Ríos da Furnia, do Hospital da Briña e do Pego (afluentes do Baixo Miño) augas abaixo da estrada PO-552 (Vigo-Tui) en todos os casos: todo o ano.
– Canles e pozas da antiga lagoa de Antela, pozas dos Milagres (concello de Maceda), pozas de Rioseco (concello de Paderne de Allariz), pozas de Niñodaguia (concello de Xunqueira de Espadanedo) e coiñais de Oímbra (concello de Oímbra): todo o ano.
– Encoro da Fervenza e tramo do río Xallas augas abaixo da presa de Ventín: do 17 de marzo ao 30 de setembro.
– Encoros de Belesar e Os Peares, nos tramos incluídos no réxime especial de encoros do anexo VIII: todo o ano.
Toda a información, na orde publicada no DOG o 6 de febreiro.