Xoves 30 Novembro 2023

Os microplásticos xa se acumulan nos sedimentos das Rías Baixas

Un estudo do Oceanográfico de Vigo determina por primeira vez que estes residuos se atopan en importantes cantidades nesta área da costa galega

Institucións como o Centro Oceanográfico de Vigo, do IEO, levan xa anos seguindo o crecente problema da contaminación por microplásticos nas costas galegas. Estes residuos, procedentes de diferentes fontes, incorpóranse ás veces aos organismos mariños, e ás veces poden mesmo transmitirse a través da cadea trófica. Ata agora, con todo, non se determinara a súa presenza nos sedimentos de espazos como as Rías Baixas ou a desembocadura do río Miño. E así o fai unha investigación desenvolvida polos científicos do IEO Lucía Viñas, Olga Carretero e Jesús Gago, que presentaron nun artigo publicado en Marine Pollution Bulletin no que describen que os microplásticos están presentes en todas as mostras recollidas nos fondos, cunha concentración importante na meirande parte das análises.

O traballo analiza as mostras de sedimentos recollidas en 22 puntos das rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, así como no esteiro do Miño. Estas áreas, cunha importante actividade pesqueira e marisqueira e notoria presión humana, pola cantidade de poboación que vive á beira delas, foron seleccionadas debido á súa exposición a estas actividades. A través dunha draga, e mediante a separación por densidade e análises por microespectroscopía, para determinar os tipos de polímero, detectaron a presenza de diversos materiais.

Cantidade de fragmentos atopados nos sedimentos en cada zona de mostraxe. Fonte: IEO.
Cantidade de fragmentos atopados nos sedimentos en cada zona de mostraxe. Fonte: IEO.

En todas as estacións se atopou contaminación. A concentración media foi de entre 70 e 74 partículas por quilo de sedimento. Destacan, en porcentaxe, as fibras, cun 88%, relacionadas coa industria téxtil e tamén, en boa parte, cos desaugadoiros das lavadoras. O 5,8% destes microplásticos nos sedimentos eran pequenos fragmentos, resultado de plásticos de maior tamaño que pola acción de diversos fenómenos atmosféricos e oceanográficos, como o sol ou a ondada, se van fragmentando en anacos máis pequenos. En canto aos distintos polímeros, predominaba o polipropileno (43%) e HDPE-polietileno de alta densidade-, co 29%.


Referencia: From the coast to the shelf: Microplastics in Rías Baixas and Miño River shelf sediments (NW Spain) (Publicado en Marine Pollution Bulletin).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os plásticos dos ríos poden albergar patóxenos e xenes de resistencia aos antibióticos

Un estudo internacional alerta que o material degradado sería o que aloxa maior abundancia de comunidades microbianas

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Lego e a toxicidade dos bioplásticos: por que a túa bolsa de compost pode ser unha fraude

Varios estudos conclúen que o plástico de "toda a vida" ten menos contaminantes que as alternativas vendidas como ecolóxicas

A contaminación aumenta o risco de sufrir un ictus a curto prazo

Unha estudo atopa unha forte asociación entre a exposición recente a contaminantes gasosos e o perigo de padecer un accidente cerebrovascular