Un novo verme plano, de 3 centímetros de lonxitude, e unha forte cor amarela foi descuberto na ría de Arousa polo Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), un colectivo que reúne biólogos, ecólogos e apaixonados do mar que practican o mergullo e realizan campañas científicas na costa galega. O novo verme, bautizado co nome de eurylepodes galikias, apareceu en augas do club náutico de Ribeira e o achado foi publicado nun artigo na revista Zookeys.
A nova especie é unha planaria que non se coñecía ata agora e foi descrito por primeira vez no traballo publicado pola revista de divulgación científica. Este traballo é o primeiro dunha serie que están a ser elaborados en colaboración co Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, que darán a coñecer novos datos doutras especies pertencentes a este grupo taxonómico, en xeral bastante descoñecido.
[box size=”large”]A nova especie foi bautizada como eurylepodes galikias[/box]
O GEMM destaca a biodiversidade existente nas augas galegas e considera, nun comunicado, que hai incontables “especies novas aínda por descubrir, como neste caso”, ó tempo que salientan a necesidade de coidar o medio mariño para preservar legado biolóxico.
O colectivo GEMM fai aportacións científicas, como este descubrimento, en colaboración con diversas institucións, aproveitando os seus coñecementos do mar en combinación pola súa paixón polo mergullo.