Xoves 30 Novembro 2023

A Cemma confirma a supervivencia de catro arroaces rescatados en 2016 e 2017

A fotoidentificación realizada co proxecto Turgasur constata que os animais que vararon na illa da Toxa sobreviven tempo despois

Hai algo máis de tres anos, en abril de 2016, a Unidade Móbil da Rede de Varamentos de Galicia, executada pola Cemma, acudiu a unha zona intermareal próxima á illa da Toxa, na ría de Arousa, para atender a dous arroaces (Tursiops truncatus) que se encontraban nunha situación comprometida. Os dous exemplares, unha femia adulta nomeada como Eunice, e unha cría, Toxeiro, foron liberados nunha zona próxima de augas máis profundas. Un ano despois, no mesmo lugar, apareceu outra familia, composta por Beyonse e Beijin, nai e cachorro, que do mesmo xeito foron rescatados e liberados ante o risco de varamento.

E segundo puido constatar nas últimas semanas a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, os catro arroaces conseguiron sobrevivir a este rescate, xa que foron identificadas recentemente no marco do proxecto Turgasur, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad. A iniciativa está servindo para ampliar, catalogar e revisar o arquivo fotográfico dos arroaces fotografados en Galicia pola Cemma nos últimos 20 anos. Son, en total, máis de 70.000 fotografías e máis de 580 aletas dorsais (a seña de identidade destes mamíferos) que se están analizando para mellorar o coñecemento do hábitat da especie. Só nos últimos seis, meses, grazas ás saídas de traballo, conseguiron tomarse máis de 13.000 novas imaxes.

Os arroaces Eunice, Toxeiro, Beyonse e Beijin

Despois de seren rescatados en 2016 e 2017, as revisións de Turgasur acabaron constatando a supervivencia destas familias. Quince días despois do rescate, Eunice e Toxeiro foron identificados noutra mostraxe na ría de Arousa. E o pasado 16 de maio, cando a Unidade Móbil da Cemma estaba buscando nas inmediacións do porto do Xufre unha pequena balea que se achegara á zona, deron con Eunice. “Esta vez xa non estaba en compañía do seu cachorro Toxeiro, que xa se debeu de ter emancipado dela. Estaba acompañada do arroaz Ioio, o que puidera indicar o inicio dun novo ciclo reprodutivo para ela”, explica a Cemma.

Por outra banda, Beyonse segue tamén nadando por augas galegas. Trátase dun exemplar que xa fora rexistrada no 2004 na ría de Pontevedra. Despois do varamento de 2017 xunto ao seu cachorro Beijin, foron observados na ría de Vigo en marzo de 2018. E en abril deste ano, Beyonse apareceu de novo na zona da Rede Natura de San Simón. Xa non estaba acompañada por Beijin. “Consideramos que, posiblemente, ten iniciado un novo ciclo reprodutor, polo que estaremos moi atentos durante as próximas mostraxes para tratar de comprobar se tivo unha nova cría este ano“, explican desde a Cemma.

A Cemma recolle en seis meses 13.256 fotografías de arroaces

Expón a Cemma que “a pesares de que aínda queda moito traballo por realizar, a revisión deste enorme arquivo fotográfico, e a incorporación dos datos obtidos nas mostraxes TurGaSur, así como os procedentes doutras entidades e persoas que están a colaborar co proxecto, permitiu obter información de grande interese referida ás recapturas fotográficas de individuos que tiñan sido rexistrados con anterioridade”, como é o caso dos rescatados na toxa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:02:51

As mariscadoras pensan en abandonar o mar: o marisco non medra ou morre

As rías experimentan unha caída da produción derivada da sobreexplotación e o cambio climático. Nas últimas semanas a situación agravouse polas riadas

A borrasca Domingos bate o récord de altura significante de onda de Portos do Estado

A boia de Estaca de Bares na Coruña rexistrou 13,95 metros (Hs) o sábado 4 de novembro, o que representa a media da terceira parte das ondas máis altas
00:01:29

A imaxe desoladora do marisco morto en Noia e Rianxo: a borrasca Domingos arrasa toneladas de bivalvo

As praias de Testal e A Torre protagonizan outro episodio de mortandade nun contexto de caída en picado da produción

Pódcast | O CIM desvela por que o espertar sexual dos bocartes afecta as correntes oceánicas

Falamos coa investigadora Beatriz Mouriño, que lidera o equipo que gañou o IG Nobel de Física polo seu estudo sobre o sexo das anchoas