Martes 28 Novembro 2023

As embarazadas transfiren anticorpos que protexen durante uns meses ao bebé de covid-19

Investigadores españois demostran que a protección diminúe de forma progresiva nos primeiros seis meses de vida

Un estudo realizado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) que forma parte do proxecto multiinstitucional GESNO-COVID –liderado polo Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón– demostrou a transferencia transplacentaria de anticorpos no 86,3% de bebés de nais que pasaran covid-19 durante o embarazo.

O estudo, publicado en BMC Pregnancy and Childbirth, realizouse con 51 parellas de nai-fillo, incluíndo os nacementos desde abril do 2020 ata marzo de 2021. Para ese entón ningunha nai fora vacinada contra o SARS-CoV-2, de modo que os anticorpos eran produto de contraer a enfermidade durante o embarazo. Á súa vez, ningún neno foi diagnosticado de covid durante o transcurso do estudo, asegurando que os anticorpos proviñan da placenta materna.

O estudo demostra o impacto que a produción materna de anticorpos fronte a covid ten para protexer o bebé mediante o paso destes. “Se a muller ten anticorpos, estes serán transferidos ao fillo e estará por tanto protexido fronte á infección”, destaca María Luisa Navarro, investigadora do departamento de Saúde Pública e Materno-Infantil da UCM.

Traballos posteriores realizados sobre a protección do lactante vacinando de covid á embarazada e a seguridade desta estratexia, fixeron que hoxe en día se considere á xestante subsidiaria de recibir a vacina obtendo unha dobre protección, a súa e a do bebé.

Perda de anticorpos

No estudo, obsérvase que a cantidade de anticorpos que presentaban os bebés ao momento do parto estaba relacionada coa cantidade de anticorpos que presentaba a nai. Conforme pasa o tempo, estes diminúen, aos dous meses do parto o 66,7% dos lactantes contaba con seroloxía positiva, mentres que aos seis só o 13,7%.

Doutra banda, este efecto protector non se observou en bebés de nais con infección aguda no momento do parto. Estes nenos non presentaron anticorpos, xa que aínda non se desenvolveran nas súas nais.

“Dada a gravidade da covid na embarazada, é necesario que a muller xestante se vacine fronte a SARS-CoV-2, do mesmo xeito que se vacina doutras enfermidades como son a gripe ou a tos ferina”

MARIA LUISA NAVARRO, investigadora do departamento de Saúde Pública e Materno-Infantil da UCM

O proxecto GESNEO-COVID que contou coa axuda dos “Fondos covid” do Instituto de Saúde Carlos III, está liderado polo Hospital Gregorio Marañón e participaron centros con maternidades en todo o territorio nacional. Dito proxecto consistiu en avaliar o impacto que a infección polo virus SARS-CoV-2 tiña na embarazada e no bebé.

“Así se realizaron distintos estudos, onde se puido demostrar que as embarazadas son un grupo de poboación vulnerable para SARS-CoV-2 e que a transmisión perinatal deste virus ao bebé é excepcional. Dada a gravidade da covid na embarazada, é necesario que a muller xestante se vacine fronte a SARS-CoV-2, do mesmo xeito que se vacina doutras enfermidades como son a gripe e a tos ferina. No caso da infección por SARS-CoV-2, a inmunización materna protexerá á súa vez ao seu bebé durante os primeiros meses de vida”, conclúe Navarro, investigadora principal do proxecto.


Referencia: Serologic evolution and follow-up to IgG antibodies of infants born to mothers with gestational COVID (Publicado en BMC Pregnancy Childbirth)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os retos do coñecemento

Artigo do reitor da Universidade de Vigo con motivo do décimo aniversario de Gciencia

A mortalidade por calor podería multiplicarse case por cinco a mediados de século

Un estudo advirte sobre a inacción fronte ao cambio climático e os seus perigos para a saúde. Os autores demandan medidas urxentes

Historia da primeira portada: o deputado que escapou a Copenhage a investigar

Gciencia localizou en 2013 en Dinamarca a David Calviño, protagonista dun soado abandono da política. Agora investiga en Ourense: "As cousas melloraron bastante”

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura