A oncoloxía de precisión consiste en saber con antelación que fármaco vai funcionar nun paciente de cancro concreto, para poder darlle a cada enfermo o máis eficaz no seu caso. Polo momento estas terapias dirixidas só están dispoñibles para o 5% dos cancros.
Un estudo realizado polos investigadores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) Miguel A. Quintela-Fandino e Silvana Mouron, xunto a unidades oncolóxicas de varios hospitais españois, descubriron unha vía para identificar se un dos fármacos máis utilizados na quimioterapia convencional de diversos tipos de cancro, o paclitaxel, vai ser eficaz en cada paciente. O traballo foi publicado pola revista científica Nature Communications.
A chamada terapia dirixida baseouse, sobre todo, na análise das mutacións xenéticas de cada cancro. Pero os esforzos de investigación en todo o mundo desvelaron unha paisaxe xenómica única para cada paciente. A investigación de Quintela e Mouron céntrase no cancro de mama HER2 negativo, que representa o 85% dos diagnósticos de cancro de mama e débese, na maioría dos casos, a varias mutacións oncoxénicas.
A terapia dirixida baseouse na análise das mutacións xenéticas de cada cancro
Cuantos máis xenes haxa implicados na enfermidade, máis difícil é saber como vai reaccionar un tumor ante unha terapia concreta. O traballo dos investigadores do CNIO é innovador porque non se fai unha análise xenómica (dos xenes) senón proteómica (das proteínas). Isto débese a que en investigacións previas este mesmo equipo demostrara que, mesmo cando hai unha gran cantidade de mutacións oncoxénicas, só aparece un pequeno número de alteracións nas proteínas.

A clave en dúas proteínas: CDK4 e filamina
É dicir, na maioría dos cancros non se atopan marcadores xenéticos comúns en enfermos que non responden a un determinado fármaco, pero si marcadores comúns proteómicos (relacionados coas proteínas). As proteínas son as moléculas que realizan a maior parte das funcións das células; os xenes (na molécula de ADN) conteñen a información para producir todas as proteínas que necesita o organismo.
A investigación agora publicada polo grupo do CNIO analizou mostras de cancro de mama HER2 negativo de 130 enfermas tratadas con paclitaxel, un dos fármacos máis utilizados contra cancro de mama, ovario, pulmón, vexiga, próstata, melanoma, esófago e outros.
Analizáronse mostras de cancro de mama HER2 negativo de 130 enfermas tratadas con paclitaxel
O traballo buscou similitudes na expresión das proteínas nas mostras das pacientes que si responderon ao paclitaxel. Acháronse dúas proteínas relacionadas especificamente coa resposta ao paclitaxel: a CDK4 e a filamina.
Primeiros factores preditivos
Os investigadores demostraron que esa asociación aparece cando se usa o paclitaxel, pero non cando os fármacos utilizados son outros.
“Atopamos que as enfermas con altos niveis de CDK4 e filamina teñen unha taxa de resposta positiva no 90% dos casos”, resume Quintela-Fandino, investigador principal e xefe da Unidade Clínica de Cancro de Mama do CNIO.
“O estudo identifica os primeiros factores preditivos específicos para un tratamento de quimioterapia convencional, para a que ata o de agora non existen marcadores preditivos ou só os hai de maneira indirecta ou imperfecta. Achamos que os dous marcadores, a CDK4 e a filmanina A, están asociados á actividade do paclitaxel de maneira moi precisa”, engade este investigador do CNIO.
O traballo non é aplicable inmediatamente á clínica. “Para que o que descubrimos se incorpore ao arsenal terapéutico oncolóxico, ademais da produción industrial do biomarcador habería que facer estudos epidemiolóxicos e clínicos previos que demostrasen a súa utilidade, e que mellore o que hai agora dispoñible”, conclúe o científico.
Referencia: Phosphoproteomic analysis of neoadjuvant breast cancer suggests that increased sensitivity to paclitaxel is driven by CDK4 and filamin A (Publicado en Nature Communications)