No traxecto que Tomas Lindahl (Estocolmo, 1938) fixo paseniño desde o Pazo de Raxoi ata o Colexio de San Xerome, apoiado no seu caxato e protexido da chuvia por un paraugas, nas súas células sucedéronse centos de erros nos que se destruía información. E o mesmo lles pasaba a todas as persoas que se movían naquel momento polo Obradoiro. Hai case medio século, Lindahl descubriu que, a pesar destes constantes danos, o noso organismo era quen de reparar o ADN e facer posible que a nosa vida continúe sen moitos sobresaltos. Ese achado valeulle en 2015 o Nobel de Química xunto a Paul Modrich e Aziz Sancar. O científico sueco está estes días en Galicia para explicar as súas investigacións, dentro do Programa Conciencia que todos os anos achega á sociedade galega aos gañadores dos premios máis importantes da ciencia.
Para Miguel González Blanco, científico do CiMUS de Santiago que estivo oito anos no laboratorio Clare Hall de Londres, onde traballou Lindahl, é “un dos mellores bioquímicos do século XX”, destacando que “conseguiu illar, hai 50 anos e cunhas ferramentas moi distintas ás de hoxe, o cal ten un gran mérito, unha morea de encimas moleculares que detectan e corrixen os erros e perdas de información do ADN”. Xunto a el, o responsable do programa Conciencia, Jorge Mira, presentou ao convidado explicando os primeiros achados de Lindahl, cando descubriu que o ARN se degradaba ao quentalo.
No encontro cos medios de comunicación, Lindahl insistiu na necesidade de apostar pola investigación básica para enfrontarse ao cancro e deseñar estratexias para vencer as súas distintas manifestacións. “Por exemplo, no cancro de mama avanzouse moito, pero no de páncreas seguimos sen comprender ben o que pasa, e o tumor resiste ás terapias que usamos”.

Cronificar o cancro
A preguntas dos xornalistas, o investigador sueco expuxo que as estratexias para afrontar esta doenza, un prezo a pagar polo feito de que o ADN se estea rexenerando constantemente, deben centrarse tamén en reducir a agresividade dos tumores, e non só en eliminalos completamente. “Ponse moito énfase na palabra curar, cando o máis realista é investigar para poder convivir co cancro durante moitos anos, e que cos fármacos e terapias axeitadas poidamos ter unha boa calidade de vida”.
Así, Lindahl comparou as perspectivas do tratamento do cancro coas da diabetes, entendidas como “doenzas asociadas ao envellecemento, pero que se conseguimos desenvolver estratexias axeitadas, poderiamos convivir con elas”.
Do mesmo xeito, Lindahl recoñeceu que, a pesar de que todo o mundo ten un determinado risco basal de padecer cancro e outras doenzas pola súa configuración xenética, existen factores inducidos que poden aumentar as probabilidades, como o tabaco, a radiación solar, os raios X (“aínda que os beneficios que nos dan son maiores en relación ao perigo”) ou un dato que sorprendeu a Mira e a González: segundo lembrou Lindahl, determinadas toxinas presentes no balor que se forma nos cacahuetes inducen mutacións que poden causar cancro.
O Nobel manifestouse “impresionado” con Santiago de Compostela, unha “cidade marabillosa”, e louvou tamén o traballo dos científicos da USC en aspectos como o cancro, o envellecemento ou a demencia. Na mañá do martes, ademais do encontro cos medios, Lindahl participou nunha recepción no Concello co alcalde e os voceiros municipais, e deixou mostras do seu sentido do humor na sinatura do libro de honra, destacando á cidade pola “súa excelente ciencia e insuperable marisco e viño“, e dicindo que “o tempo recórdame ao meu fogar no norte de Europa”.
O biólogo sueco asinou no Libro de Honra, nun acto no que tamén participaron os voceiros municipais do PP, Alejandro Sánchez-Brunete; de Compostela Aberta, Martiño Noriega; e do BNG, Goretti Sanmartín pic.twitter.com/lDpVFm9UQr
— Concello de Santiago (@PazodeRaxoi) November 19, 2019
Lindahl tamén foi recibido polo reitor da USC, Antonio López, e polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, no Colexio de San Xerome, onde tivo a oportunidade de deixar a súa sinatura no Libro de Honra da USC. Na súa visita, o científico sueco está acompañado da súa dona, Brenda Marriott, que tamén foi compañeira de traballo do seu marido como directora administrativa do Clare Hall.
Este mércores 20, ás 19.30 horas, Lindahl pronunciará o relatorio ‘Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas’ no auditorio Abanca. Ademais, no marco da apertura do XXV Encontro galego-portugués de química, celebrado na Cidade da Cultura, Lindahl falará da reparación de dano endóxeno do ADN e prevención do cancro.