Xoves 30 Novembro 2023

Os estudantes e os seus inverosímiles inventos

Un freo de seguridade para cadeiras de bebé creado por estudantes da localidade pontevedresa de Mos; un helicóptero non tripulado para vixilar o lume no monte deseñado por alumnos de Vigo; unha cúpula para protexer aos ciclistas da chuvia e unha aplicación móbil para axudar a aparcar o coche desenvolvidas por rapaces de Santiago de Compostela; e un sistema para conservar alimentos mediante ultrasóns ideado por unha estudante de Ourense. Estes son só algúns dos 64 enxeños e proxectos de investigación procedentes de toda Galicia que os participantes na Galiciencia comezaron a mostrar hoxe ao público desde os seus stands na Tecnópole – Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense).

Máis de 2.000 escolares visitan entre este mércores e o venres a maior feira científica de Galicia, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, principalmente familias en horario de tarde, dado que o evento é de entrada libre.

Galicienciamiercoles2
Un dos dispositivos presentados.

A maior feira científica de Galicia forma parte da ducia de actividades de referencia da Semana da Ciencia en España segundo a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria. O titular deste departamento da Xunta, Francisco Conde, fixo esta mañá un percorrido polos stands e atendeu as explicacións dos investigadores, acompañado polo director da Tecnópole, Ricardo Capilla.

En total están sendo expostos 27 proxectos de Ourense e Pereiro de Aguiar –entre os que se atopan os dos alumnos das Aulas Tecnópole e do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole–, 15 de Vigo, 5 de Pontevedra, 4 de Cambre, 3 de Santiago de Compostela, 2 de Ferrol, 2 de San Sadurniño, un de Ortigueira, un de Teo e catro de Barcelona. De todos eles, 44 son de equipos de Secundaria e FP e os 20 restantes protagonizan a sección especial que se habilitou de maneira específica para proxectos de Primaria.

[box size=”large”]Entre as 64 ideas hai un robot submarino, biodiésel elaborado a partir de aceite usado de cociña e o cultivo de leitugas con luces LED[/box]

Os vehículos de todo tipo protagonizan boa parte dos proxectos este ano. Á cúpula para bicicletas, o dron contra incendios e o freo para cadeiras de bebé súmanse un robot submarino desenvolvido en Ortigueira que se une á consola de mando mediante un cordón umbilical e un prototipo de coche con sensores para facilitar a condución segura, este último deseñado por alumnos de Pontevedra.

A reciclaxe de residuos e a xeración de enerxías limpas é outra constante na Galiciencia deste ano. A obtención biodiésel e xabón elaborado a partir de aceite usado de cociña, este último a cargo de alumnos de Primaria de San Sadurniño, o deseño dunha central térmica de hidróxeno realizado nas Aulas Tecnópole e a fabricación de soletas para zapatos e calcetíns a partir das labras de madeira dos lapis, neste caso a cargo de alumnos de Pereiro de Aguiar, son algúns exemplos desta temática.

No campo da alimentación, que xa é un clásico na feira, estudantes vigueses presentan un prototipo de cultivo de leitugas con luces LED, un sistema de conservación de alimentos mediante ultrasóns desenvolvido nas Aulas Tecnópole e a extracción de ferro en cereais de almorzo que lograron alumnos pontevedreses, entre outros.

[box size=”large”]A maior feira científica de Galicia segue ata o vindeiro venres e recibirá a visita de máis de 2.000 persoas[/box]

A responsabilidade no uso das novas tecnoloxías preocupa tamén aos investigadores noveis, que presentaron un sistema de control parental de páxinas web mediante sinais auditivos froito do campamento de verán da Tecnópole, xunto cun estudo sobre os efectos dos videoxogos na nosa capacidade de concentración, que segundo os resultados obtidos son beneficiosos.

No eido dos estudos, outro equipo ourensán analizou a efectividade do uso do medo como factor persuasivo para o aumento das vendas, alumnos de Vigo recuperaron a figura do afiador-paraugueiro en Galicia e estudantes de Cambre mediron o nivel de ruído que soportan os adolescentes nos institutos e investigaron se comer chicle ao tempo que se fai un exame mellora os resultados.

Ademais, a Fundación Barrié expón a mostra de fotografía ‘InvestigArte’ e ofrecerá mañá unha charla para que os docentes coñezan a iniciativa ‘educaCiencia’.

Esta mércores arrancaron tamén todas as actividades paralelas á exposición de proxectos, que inclúen talleres conmemorativos do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España, ademais da elaboración colectiva por parte de estudantes tanto do video como da revista oficiais da Galiciencia.

O xoves ás 10 horas todos os que o desexen poden asistir desde o seu colexio ou a súa casa ao espectáculo “Arpexos de ciencia” a través da web da Tecnópole. Nel realizaranse divertidos experimentos para descubrir aspectos sorprendentes da relación entre a ciencia e a música.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubrir o galego mentres xogas: esta é a nova aplicación para mellorar o teu léxico

A ferramenta da RAG e da Fundación Barrié pretende axudar a fixar palabras, dándolles aos falantes máis seguridade e naturalidade

Bolígrafos de tinta natural e mans biónicas: entre os 100 proxectos do alumnado en Galiciencia

A maior feira científica de Galicia conta con 4.800 participantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato

‘Comadre’, elixida Palabra Galega do Ano 2022

A gañadora conseguiu máis do dobre de votos que 'candorca', a segunda clasificada, con 'ecocidio' en terceiro posto

‘Candorca’, ‘ecocidio’, ‘comadre’, ‘inflación’, ‘autoestima’ e ‘resiliencia’ optan a Palabra do Ano

A votación temática promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié permanecerá aberta ata o 25 de decembro