Martes 28 Novembro 2023

O gran pacto que blindou o sistema de investigación catalán

Medio cento de xestores e decisores do ecosistema galego de investigación tivo hoxe ocasión de coñecer en detalle o modelo catalán, na última xornada de exploración de fórmulas de éxito autonómicas tras as dedicadas en semanas anteriores a Euskadi e Madrid.  En concreto, o gran pacto de investigación e desenvolvemento 2008-2020, subscrito por universidades, goberno, Parlamento, empresas, sindicatos e asociacións, que blindou o sistema catalán. A ese acordo sumouse a creación en 2010 de Centres de Recerca de Catalunya (Cerca), cuxo director, Lluís Rovira, tamén se referiu á creación en 2000 da Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats (ICREA), co que se iniciou “o gran salto cualitativo que converteu o modelo catalán nunha referencia en España”.
Rovira explicó que Cerca aglutina 42 centros de investigación. Dende a súa creación, “a produción científica incrementouse de forma cuantitativa, pero sobre todo cualitativa, xa que o medrou de maneira máis importante foron as publicacións de alto impacto”.
[box size=”large”]”A Generalitat non financia proxectos, sempre financia o talento”[/box]
Os centros Cerca están participados pola Generalitat e en case todos os casos son fundacións. “A institución foi creada para dar visibilidade aos centros de investigación cataláns e, respectando a autonomía de cada un, buscar a máxima coordinación. A nivel de retornos, o obxectivo que se marcou foi que o sistema sexa máis rendible e logre un maior beneficio económico e social para Catalunya”, explicou Rovira.
Actualmente, os centros Cerca xestionan un volume anual de financiamento de máis de 400 millóns de euros, unha cuarta parte dos cales procede dos orzamentos públicos, mentres que o resto provén de contratos con empresas, financiamento competitivo europeo, etcétera. “A Generalitat nunca financiou proxectos de investigación, sempre se financiou o talento. Hai axudas para científicos consolidados, para doutorandos, etcétera, e de feito os centros foron creados arredor de fortalezas científicas de investigadores ou grupos que son un referente no seu campo”, apuntou Rovira, que tamén destacou que só Catalunya logrou captar máis bolsas do European Research Council (ERC) que todo o resto de España, con 130 sobre 126, dos que o 55% están adscritos a centros Cerca.

Luis Serrano
Luis Serrano, responsable do Centre de Regulació Genòmica.

O director da institución catalana destacou entre os aspectos clave do seu éxito a gobernanza flexible, a designación dun director con gran autoridade, a proxección internacional –con comités científicos internacionais e centros que teñen un cadro de persoal estranxeiro que chega ao 70% do total–, a ambición de excelencia, a estreita vinculación coas universidades a través da localización en campus en case todos os casos, a creación dunha contorna axeitada para facilitar a integración dos investigadores que veñen de fóra –colexios para os seus fillos, vivenda…–, as fórmulas privadas de contratación e a avaliación de cada centro en profundidade cada catro anos.
Entre os retos para o futuro, Rovira citou mellorar a coordinación entre os centros do sistema e os ingresos por transferencia de tecnoloxía, así como recuperar os 50 millóns do balance de activos perdidos durante a crise. “Queremos avanzar tamén no proceso exploración da privatización que iniciamos en varios centros, que lles permite saír da rixidez que implican as dinámicas públicas”, engadiu.
[box size=”large”]Cerca xestiona 400 millóns ao ano, unha cuarta parte dos cales procede dos orzamentos públicos[/box]
Pola súa banda, Luis Serrano, director do Centre de Regulació Genòmica (CRG), considerado un exemplo representativo do sistema, destacou que o seu foi primeiro centro en Catalunya que logrou o selo europeo de excelencia de investigación en recursos humanos. “Isto animounos a seguir mellorando neste aspecto, con medidas novas como un plan de retribución flexible, melloras nos procesos de selección –coa entrega dun informe con suxerencias de mellor para os candidatos non aceptados– e un manual de benvida a novos investigadores moi optimizado”, explicou.
O idioma oficial do centro é o inglés porque o 70% dos investigadores son estranxeiros. “Fixemos un estudo entre 13 centros excelentes europeos e vimos que está directamente correlacionado o nivel de publicacións coa presenza maioritaria de investigadores estranxeiros, o que quere dicir que os centros de calidade atraen aos mellores”, apuntou, ao tempo que asegurou que lle dan moita importancia á rotación de investigadores. “A renovación é fundamental para estar ao día e ir abrindo liñas de traballo novas, á vez que se pechan as que xa non son relevantes ou produtivas”.
O centro está no noveno posto a nivel mundial no seu campo de coñecemento, unha posición relacionada con que a metade dos seus investigadores teñen unha bolsa ERC, “probablemente a maior proporción entre os centros de toda a Unión Europea”. Unha vez que son contratados, os investigadores teñen total liberdade para elixir a súa liña de traballo, que se manterá sempre que pasado un tempo se avalíen os seus resultados.
Ponentes xorndada formulas exito
Os relatores da xornada deste xoves.

A transferencia de tecnoloxía é outro dos aspectos clave no CRG. “A ciencia tamén é un negocio se se fai ben. Isto non quere dicir que só haxa que facer investigación aplicada, senón que a ciencia excelente acaba creando valor”, explicou Serrano. Tamén destacou o valor da comunicación e a divulgación cara á sociedade porque se os contribuíntes non son conscientes do valor da ciencia, “non hai unha presión social para que se destinen recursos á investigación”.
O ciclo organizado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta rematará este venres co modelo galego de man do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e coas fórmulas de apoio a centros de investigación do Goberno central, a cargo da secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela.
Nesta sesión final do ciclo participarán Mabel Loza (Universidade de Santiago de Compostela), Fernando Pérez (Universidade de Vigo) e Héctor Gómez (Universidade da Coruña), tres investigadores galegos destacados pola súa excelencia nos seus respectivos campos de coñecemento. A visión sobre o modelo galego será completada polo conselleiro de Cultura, mentres que Carmen Vela exporá o impulso do liderado científico e tecnolóxico a través do Programa de Apoio a Centros de Excelencia Severo Ochoa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos

Un río atmosférico provocará máis chuvia en Galicia na primeira metade da semana

Meteogalicia prevé que a partir do xoves as altas presións bloqueen a chegada de novas frontes e predomine o tempo seco e estable