Xoves 30 Novembro 2023

O catedrático da UVigo Armando Caballero, Premio Nacional de Xenética

A Sociedad Española de Genética recoñece a traxectoria do profesor vigués, experto en xenética de poboacións, na modalidade de investigación básica

Cada dous anos, a Sociedad Española de Genética (SEG) concede os seus premios nacionais como recoñecemento ao labor científico dos investigadores máis destacados neste campo. Neste 2021 o catedrático da Universidade de Vigo Armando Caballero foi un dos dous científicos galardoados pola sociedade estatal, neste caso na modalidade básica. O xurado decidiu outorgarlle esta distinción ao investigador principal do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética “polas súas achegas á xenética cuantitativa, evolutiva e da conservación, e especialmente na predición do censo efectivo de poboación, a comprensión da base xenética das mutacións espontáneas con efecto sobre a eficacia biolóxica, e o desenvolvemento de técnicas de análise e manexo de poboacións en conservación”. Xunto con el, recibiu o premio nacional na modalidade aplicada, Andrés Aguilera López, catedrático de Xenética da Universidad de Sevilla.

No acto de entrega destes premios, patrocinados pola Fundación Pryconsa, Caballero agradeceu a concesión dun galardón que, recoñecía, “faime tremendamente feliz”. Valórao como unha distinción importante, “porque o nivel dos galardoados é moi elevado, incluíndo notables investigadores da universidade e o CSIC. De Galicia, por exemplo, concedéronllo a Ángel Carracedo en 2015”.

Na cerimonia, celebrada en modalidade virtual, Caballero deu as grazas tanto aos que foron os seus profesores no pasado, como a colegas cos que comparte ou compartiu proxectos e tamén ao Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética da UVigo, que el coordinada, e do que se amosou “moi orgulloso, non só polo nivel científico, senón tamén pola cohesión persoal e a xenerosidade, é un pracer traballar con todos eles”.

Armando Caballero desenvolve a súa traxectoria no eido da xenética poboacional e tense convertido nun dos científicos da Universidade de Vigo máis citados en diferentes clasificacións internacionais, como a que publica a Stanford University. Os seus estudos céntranse “nos cambios nas poboacións, que son os que determinan cousas tan importantes como a adaptación a novos ambientes, a formación de novas especies, a extinción doutras, en definitiva, a evolución biolóxica”. Por exemplo, a xenética de poboacións analiza como ocorre a selección natural, “que é o motor da evolución”, pero tamén estuda as consecuencias do declive do censo das poboacións por factores ambientais e antropoxénicos, que ocasiona a perda de diversidade xenética e o aumento da consanguineidade. “Todos estes procesos, producidos por factores naturais ou humanos, provocan unha menor capacidade de supervivencia, de adaptación e finalmente a extinción”.

Proxecto co INIA

Case ao mesmo tempo que fallaban os premios, tamén se facía pública a concesión dun proxecto do Ministerio para os próximos catro anos coordinado co Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA). Este será o quinto proxecto conxunto que o Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética da UVigo desenvolve co INIA e nel abordarán estudos teóricos e aplicados sobre a estimación da consanguinidade, a diversidade xenética e o censo histórico das poboacións empregando marcadores xenéticos de ADN, incluíndo aplicacións en especies acuícolas, ganado vacún e porcino, así como experimentos coa mosca da froita.

Armando Caballero aproveitou a cerimonia de entrega dos galardóns para reflexionar sobre os problemas da ciencia e a investigación en España. Preguntado sobre este tema, o catedrático considera que un dos problemas máis relevantes é a falta de financiamento, xa que “en España temos investigadores de gran nivel, en absoluto inferior ao dos países máis punteiros, e dígoo con coñecemento porque fun editor asociado de varias revistas de prestixio nos últimos 20 anos e lidiei con centos de artigos de todas as procedencias”. O que falta, sostén, é “o nivel de financiamento doutros países da nosa contorna. Se fose así, poderíamos estar moito máis arriba”.

Outro dos problemas no panorama científico estatal é a ausencia de programas de consolidación para investigadores novos que, “despois de recibir aquí unha excelente formación, teñen que emigrar e, ás veces, consolidarse noutros países. E no peor dos casos, acabar traballando noutras cosas. É unha perda de capital humano exasperante”. O catedrático tamén sinala á “enorme burocracia” como unha das “grandes lousas da ciencia en xeral”. Con todo, recoñece que “a nosa Universidade faino bastante ben neste sentido, pero ten que traballar dentro dun marco xeral de tremenda carga burocrática e falta de flexibilidade administrativa”.

Porén, Caballero reivindica a investigación como a solución a moitos dos desafíos do planeta, como pandemias, océanos cheos de plástico, sobrepoboación, cambio climático… “Sen ciencia non hai futuro, a ciencia é a única que nos vai sacar de todos estes problemas”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O río Tins será o primeiro do Estado en ter dereitos

Unha declaración oficial recoñecerá a lexitimidade do curso fluvial de Outes a non ser contaminado ou danado por actividades humanas

Aplicacións de xeolocalización para nenos e adolescentes: como debemos usalas?

Investigadores da UVigo analizan se as ferramentas de seguimento en tempo real socavan a confianza dos menores

Os retos do coñecemento

Artigo do reitor da Universidade de Vigo con motivo do décimo aniversario de Gciencia

A enxeñeira industrial Concepción Paz Penín recibe o premio María Wonenburger

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta entrega o galardón á catedratica da UVigo pola súa traxectoria científica