Comentabamos a comezos de mes que Galicia ía ser un lugar privilexiado para ver a eclipse de Lúa que terá lugar na madrugada deste domingo 20 ao luns 21. O fenómeno vaise poder ver desde América en todas as súas fases, coincidindo alí co solpor e as primeiras horas da noite; e alén do continente americano, só nunha pequena parte da costa occidental de África, o litoral oeste de Europa, as illas Británicas e Escandinavia se verá algo da eclipse. E Galicia está entre elas, xa que no resto de Europa e África, a Lúa ocultarase antes de que se produza a fase total, o que impedirá seguir totalmente o evento astronómico.
Hai un pequeno matiz, sempre importante no caso galego: que as nubes permitan albiscar como o satélite vai desaparecendo pouco a pouco, ocultado na sombra proxectada pola Terra. Aínda así paga a pena intentalo, xa que non poderemos ver algo semellante ata maio de 2022. Mentres se espera a confirmación das axencias meteorolóxicas, cómpre prepararse para velo da mellor forma posible, así que aquí van varias claves:
O horario

Haberá que madrugar moito, ou deitarse moi tarde. Non será ata as 4.49 da madrugada cando a Lúa comece a entrar na zona de penumbra da Terra. Sobre as 5.43 xa se verá a Lúa avermellada. Durante 54 minutos a eclipse será total, e ás 7.49 da mañá terminará o evento. Por tanto, desde pouco antes das 5 da mañá ata aproximadamente as 7.30 será posible percibir o fenómeno de forma clara.
O ceo

En Galicia, ao contrario que noutras zonas da Península Ibérica e a maior parte de Europa, a eclipse de Lúa poderase ver ao completo porque o satélite non se ocultará por debaixo do horizonte. Verase ben, pero na imaxe indícase, de todas formas, o lugar cara ao que hai que mirar: preto das constelacións de Leo, Xéminis e Orión. A medida que avance a eclipse, o satélite moverase cara ao noroeste, ata poñerse, coincidindo co amencer, ás 9.11 da mañá.
O tempo, e o lugar
Vai haber que ir moi abrigados, sen dúbida. Haberá ventos de compoñente norte, que achegarán aire frío e, ademais, farán baixar a sensación térmica, segundo avanza MeteoGalicia. Esta situación podería provocar, no peor dos casos, que as nubes tapen a eclipse. O que si se pode confirmar é que as temperaturas estarán, en moitos casos, entre os 0ºC e os 5ºC en moitos puntos de Galicia nas horas que coinciden co evento.
O lugar máis axeitado para ver a eclipse, como en todos os eventos astronómicos nocturnos, é calquera que estea afastado da contaminación luminosa dos núcleos urbanos. Así poderemos gozar mellor dos matices que irá tomando o satélite, desde que comeza a ocultarse, pasando pola zona de penumbra e collendo un ton avermellado, ata que desaparece e volve xurdir.
E que pasa coa Lúa de sangue?

É un nome atractivo, pero que ten pouco misterio. A atmosfera da Terra non é sólida nin opaca, senón gasosa. Así, a luz procedente de Sol experimenta refracción (cmbio de dirección dunha onda ao pasar dun medio a outro en que a velocidade de propagación é diferente) ao pasar pola atmosfera. E este cambio proxéctase na Lúa en forma do ton avermellado que se ve durante a eclipse. O gráfico sobre estas liñas explícao ben.
Desde Galicia, algunhas entidades xa preparan actividades, aínda que están pendentes da previsión meteorolóxica para ver se paga a pena probar sorte. Na Coruña, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío ten prevista unha observación pública da eclipse no Parque de Eirís, a partir das 4:30 da mañá.
Se coñeces algunha outra iniciativa, podes deixarnos un comentario neste artigo ou escribir a redaccion@gciencia.com.