Martes 28 Novembro 2023

GCiencia gaña o Premio Rosalía de Castro

O galardón, outorgado pola Deputación da Coruña, que tamén premiou á docente Pilar Ponte, recoñece a "dignificación social" do patrimonio lingúístico galego

O portal GCiencia e a iniciativa 21 días co galego, impulsada pola profesora Pilar Ponte, son as dúas gañadoras do Premio Rosalía de Castro, que outorga a Deputación da Coruña, e que recoñece proxectos que promoven o uso do galego en todos os ámbitos.

O xurado da décima edición do certame fixo pública a súa decisión este xoves na Coruña. Na categoría de colectivo, o premio foi outorgado a GCiencia por “contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega”. O fallo valorou tamén “o proceso de normalización do galego científico, crucial para que as persoas que o falan poidan percibir que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados nesta lingua”, así como “por contribuír á construción dun estándar e difusión da terminoloxía lingüística”.

Cinco anos e medio despois do seu lanzamento, o 25 de novembro de 2013, GCiencia tense convertido nun fenómeno dixital con ata 360.000 visitantes únicos e máis de dous millóns de páxinas vistas mensuais, e cunha comunidade en redes sociais que lle levou a superar amplamente os 50.000 seguidores en Facebook. É un dato que converte a GCiencia, a pesar do seu carácter non xeralista, no medio de comunicación en galego líder na internet, no primeiro posto dos nativos dixitais e no cuarto do total, só detrás de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego.

Xurado do Premio Rosalía de Castro. Fonte: Deputación da Coruña.
Xurado do Premio Rosalía de Castro. Fonte: Deputación da Coruña.

A este novo Premio Rosalía de Castro súmanse galardóns como o de Comunicación Dixital no Sector Xornalístico do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017) ou o iProx do Colexio de Xornalistas, así como a selección como finalista no galardón do Público do Culturgal (2016) ou na edición dos Premios da Crítica de Galicia (2018).

21 días co galego

Presentación da campaña de "21 días co galego" neste 2019. Fonte: xunta.gal
Presentación da campaña de “21 días co galego” neste 2019. Fonte: xunta.gal

Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador foi o proxecto 21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha iniciativa que considera pioneira “para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade”. Destaca tamén que o proxecto favorece “a adquisición da competencia en lingua galega xunto coa normalidade do seu uso social na mocidade non galegofalante como primeira lingua ou como lingua de relación habitual”.

No proxecto “21 Días co Galego” participaron 1.316 alumnos e alumnas dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) que se comprometeron a falar galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas. A experiencia difundiuse por medio de vídeos a través do blog 21diascogalegoemais.gal e nas redes sociais do programa. A canle YouTube rexistrou unhas 15.500 reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado e a páxina de facebook foi vista por 7.634 persoas diferentes, cun alcance da campaña en Twitter de 14.900 persoas.

Premio Rosalía de Castro

O xurado do Premio Rosalía de Castro estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal, Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina de dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde