De acordo coas previsións, e segundo informa o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, as condicións meteorolóxicas das noites deste venres 9 ao sábado e do domingo 11 ao luns facilitarán a observación do cometa Lovejoy (C/2014 Q2) xa a primeiras horas da noitiña en Galicia.
O astro está a acadar estes días o máximo brillo (magnitude 5), o que teoricamente fai posible que se observe a simple vista desde lugares con ceos moi escuros e sen contaminación lumínica. Porén, uns prismáticos ou un pequeno telescopio axudarán á súa localización e seguimento. Conforme pasen os días irase facendo lentamente menos brillante e será a finais de mes canto se atope no seu perihelio.
Descuberto en agosto desde Australia por Terry Lovejoy, o chamado cometa ‘verde’ debido á clase predominante de gases xeados que contén, fundamentalmente cianóxeno e carbono diatómico, tardará cerca de 10.000 anos en volver.
Lovejoy, que amosa unha órbita case perpendicular á eclíptica, pasou este mércores a 70 millóns de quilómetros da Terra, a mínima distancia a nós. Actualmente se atopa xusto á dereita da constelación de Orión e debaixo do Touro, achegándose a está última nos vindeiros días.
O observatorio astronómico de Forcarei organiza o sábado, desde as 20.00 horas, unha xornada de portas abertas para contemplar o cometa verde. Situado no lugar de As Casetas no municipio pontevedrés, o observatorio permitirá unha visión mellor, e sobre todo compartida, do espectáculo do Lovejoy. Aínda que será visible mesmo a simple vista, recoméndase empregar prismáticos para realzar a visión do cometa.
Galicia asiste ao espectáculo do cometa verde

neste grupo de flickr de astrofotógrafos galegos pódense ver imaxe do cometa
https://www.flickr.com/groups/2733058@N25/pool/
Desde La Peralba-Valongo-Cortegada (Galicia)