Mércores 29 Novembro 2023

Por que saen canas polo estrés? Aquí tes a resposta

Científicos da Universidade de Harvard revelan, despois de estudalo en ratos, un mecanismo que ten lugar nas células nai dos folículos pilosos

O estrés, os altos niveis de responsabilidade e a excesiva carga de traballo afectan sen dúbida á nosa saúde. Un dos sinais máis visibles está no cabelo. Podemos comprobalo, desde os grandes mandatarios ata os traballadores e traballadoras sometidos a longas e extenuantes xornadas laborais. Algunhas figuras públicas, como Barack Obama, Pedro Sánchez ou Josep Guardiola dan conta disto, vendo como se tinguiu de canas o seu cabelo en pouco tempo. Todo o mundo podía velo, pero non se coñecía o mecanismo biolóxico que podía explicalo. Ata agora, porque científicos da Universidade de Harvard, nos Estados Unidos, descubriron que o estrés pode tornar o pelo en gris ao provocar o esgotamento das células nai encargadas de formar os pigmentos nos folículos pilosos.

A investigación, que publica Nature, é a primeira “evidencia definitiva entre o estrés e o encanecemento”, explica á Axencia SINC Ya-Chieh Hsu, profesora de Harvard e unha das autoras do traballo. “Ademais, puidemos identificar como ocorre este proceso. Queriamos entender como o estrés conduce a cambios en diversos tecidos, e a pigmentación do cabelo é un sistema accesible e manexable para comezar”.

O equipo expuxo a un grupo de roedores a estrés físico ou psicolóxico, e observaron como había unha redución no número de células nai dos melanocitos pasados uns días, así como un embranquecemento máis rápido do cabelo. Con estas observacións, os autores consideran que o estrés activa o sistema nervioso simpático, inducindo a liberación dun neurotransmisor –chamado noradrenalina– que fai que as células nai dos melanocitos, as que dan cor ao cabelo, se activen de forma excesiva.

Diferenzas entre os ratos sometidos a estrés e o grupo de control. Fonte: Nature.
Diferenzas entre os ratos sometidos a estrés e o grupo de control. Fonte: Nature.

Desta maneira, todas as células nai convértense en células produtoras de pigmento, esgotando antes do agardado o reservorio. Os expertos demostraron que, ao bloquear dita proliferación, evitaban a perda de células nai dos melanocitos e o encanecemento do cabelo nos ratos.

Antes de chegar a esta conclusión descartaron outras hipóteses, como que as canas fosen causadas por ataques inmunolóxicos ou hormonas relacionadas co estrés, como o cortisol. “Cando comezamos, obviamente esperaba que o estrés fose mala para o corpo”, subliña Hsu. “Pero o seu impacto negativo foi alén do que imaxinamos”, explica a SINC.

“Despois duns poucos días, todas as células nai encargadas de rexenerar pigmentos perdéronse”, continúa a investigadora. “E unha vez que se perderon, xa non se pode rexenerar o pigmento. O dano é permanente”.

Os expertos saben agora, por tanto, que as neuronas poden controlar as células nai e a súa función, e como interactúan a nivel celular e molecular para vincular o estrés coa aparición das canas. Os achados poden axudar ao coñecemento dos efectos do estrés noutras partes do corpo, o que pode sentar as bases de futuros estudos que busquen modificar ou bloquear os seus efectos daniños. “Entender como cambian os nosos tecidos baixo a tensión é o primeiro paso cara a unha intervención terapéutica para deter ou reverter este impacto negativo”, indica Ya-Chieh Hsu.

Con todo, os investigadores son cautos ante a posibilidade de desenvolver un tratamento “Aínda temos moito que aprender. Acabamos de descubrir os mecanismos, o cal é un primeiro paso importante para identificar un posible tratamento. Con todo, por agora non hai ningunha terapia segura e efectiva respecto diso”, conclúe.


Referencia: Hyperactivation of sympathetic nerves drives depletion of melanocyte stem cells (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres consellos para que a volta á rutina laboral non sexa tan dura

A aterraxe no traballo tras unhas longas vacacións adoita ser accidentada e desmotivadora, pero hai varias estratexias para suavizala

Como aproveitar as vacacións? A ciencia dáche a clave para liberarte do estrés

Os días de descanso poden resultar beneficiosos incluso antes de desfrutalos, dado que a espera pode ser máis gratificante que a propia recompensa

Pódese transplantar o cerebro?

Considerado “o obxecto máis complexo do universo”, este órgano establece millóns de conexións que controlan todas as funcións do noso corpo

Un equipo da USC busca terapias para as enfermidades propias do envellecemento

O obxectivo é estudar as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade e tentar revertelas co uso de fármacos