Sorpréndese cando quedamos con el na capital de Dinamarca, ben lonxe do balbordo que provocou a súa demisión como deputado do Parlamento Galego. David Fernández Calviño leva menos dun mes cun posdoctorado no departamento de Ciencias Medioambientais da Universidade de Copenhague. A precaria situación da investigación levouno a emigrar, como a moitos científicos sen saída pola “desfeita” provocada polos recortes.
“Cando fixen a entrevista, preguntáronme como co meu currículo, non tiña xa unha praza”, láiase David Fernández Calviño (Toén, 1979) no seu despacho en Copenhague, onde fai o seu segundo postdoctorado. O primeiro foi en Lund (Suecia), cunha bolsa de estudos. Eliminadas as axudas, o paro e colaboracións co seu equipo investigador da Universidade de Vigo, atopou un novo destino no estranxeiro. “O meu non é un caso único”, di o aínda deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que deixará o escano a finais de mes.
–Fálenos do seu traballo.
-Tratamos de buscar novos métodos para ver a partir de que niveis certos pesticidas orgánicos causan danos nos microorganismos do solo, como lles afectan os distintos contaminantes.
-¿Que aplicacións prácticas pode ter esa investigación?
-Estudamos cando hai riscos de perdas de fertilidade do solo e danos sobre os microorganismos que o alteren. Establecemos niveis de contaminación admisibles nos solos agrarios.
-¿Atopa moitas diferencias respecto á investigación en Galicia?
-A máis importante é o financiamento. Alá as restriccións son cada vez maiores. Aquí hai máis diñeiro ca nunca. A diferencia está na aposta destes gobernos pola investigación e a desfeita que están a facer en Galicia e no Estado español. O meu grupo de traballo alá non ten nada que envexar en currículo. Pero están practicamente parados, traballando co mínimo.
[box size=”large”]”O que vivín co escano pareceume un pouco de Salsa Rosa. Absurdo… É o que hai”[/box]
-Nós imos nun Seiscentos e eles, nun Mercedes…
-Hai grupos de investigación punteiros. O noso sistema de investigación é moi potente en moitos eidos, pero non temos a gasolina para alimentar ese motor. Un sueco dicíame que cunha reducción do 10% terían que parar. No Estado español estamos no 50% acumulado. Cando fixen a entrevista, preguntáronme como co meu currículo, non tiña xa unha praza. Persoas que deberiamos estar noutras fases da carreira científica quedamos estancados. E coma min hai moitos, o meu non é un caso único.
-¿E o traballo cotiá?
-En laboratorios, equipos ou persoal estamos a anos luz. Alá pelexas coas administracións por un mínimo. Na Universidade de Vigo non hai parcela de prácticas para ensaios, aquí teñen duascentas hectáreas. A diferencia é abismal, vén dada polo financiamento. E non é de agora.
-O panorama da ciencia en Galicia non é moi alentador…
-Se non cambian as políticas vai ser moi difícil que a xente faga a sua carreira científica. Quen queira investigar vaise ir onde lle dean a posibilidade. Un país que non inviste en ciencia está abocado a ser atrasado. Ou cambiamos a forma de facer as cousas ou imos estar condenados á emigración moitos anos. A miña idea é voltar, pero senón seguirei onde me valoren e contraten.
-¿E, desde aquí, en Copenhague, como ve agora a polémica co seu escano no Parlamento?
-Parecíame un programa de prensa rosa. Os problemas do país dependían de que eu estivera unha semana ou dúas. Absurdo. Pero é o que hai…