Mércores 29 Novembro 2023

Captan a primeira imaxe de planetas noutro sistema semellante ao do Sol

O telescopio VLT de Atacama consegue retratar dous exoplanetas xigantes arredor dunha estrela nova, o que permitirá coñecer mellor o Sistema Solar

O Very Large Telescope (siglas en inglés de Telescopio Moi Grande, VLT) do Observatorio Europeo Austral (ESO), situado no deserto chileno de Atacama, conseguiu a primeira imaxe dunha estrela nova e semellante ao Sol, arredor da cal xiran dous planetas xigantes. A obtención desta información supón un fito, xa que nunca se conseguira, ata agora, observar directamente máis dun planeta orbitando arredor dun sistema parecido ao habitado pola Humanidade. Segundo o ESO, “as observacións poden axudar a Astronomía a entender como se formaron e evolucionaron os planetas arredor do noso Sol”. Esta imaxe chega semanas despois de que o mesmo telescopio captara o nacemento dun planeta.

No caso deste último achado, os autores (que o describen nun artigo de The Astrophysical Journal Letters) destacan que supón “unha instantánea dunha contorna moi semellante ao noso sistema solar, pero nunha etapa moito máis temperá da súa evolución”, afirma Alexander Bohn, estudante de doutoramento da Universidade de Leiden (Países Baixos) que dirixiu a nova investigación.

Os planetas xigantes e a estrela, que recibe o nome de TYC 8998-760-1, están situados a uns 300 anos luz na constelación austral da Mosca. “Aínda que os astrónomos detectaron indirectamente miles de planetas na nosa galaxia, só unha pequena fracción destes exoplanetas foron captados con imaxe directa”, aclara Matthew Kenworthy, profesor asociado da Universidade de Leiden e coautor do traballo, que engade: “As observacións directas son importantes na procura de contornas que poidan albergar vida”.

Capturar dous ou máis exoplanetas ao redor da mesma estrela é realmente raro, segundo salientan desde o ESO. Ata o de agora só se rexistraron dous destes sistemas directamente, nos dous casos en estrelas moi diferentes ao Sol. Así, a nova imaxe é a primeira directa de máis dun exoplaneta ao redor dunha estrela similar ao Sol.

“O noso equipo puido captar esta primeira imaxe de dous compañeiros xigantes gaseosos que están a orbitar a un mozo análogo solar”, explica Maddalena Reggiani, investigadora postdoutoral da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica) que tamén participou no estudo.

Os dous planetas, denominados TYC 8998-760-1 b e TYC 8998-760-1 c, pódense ver na nova fotografía como dous puntos brillantes de luz afastados da súa estrela nai. Ao tomar diferentes imaxes en diferentes momentos, o equipo foi capaz de distinguilos das estrelas circundantes que tamén aparecen de fondo.

Os dous xigantes gaseosos orbitan ao redor da súa estrela a distancias de 160 e dunhas 320 veces a distancia Terra-Sol. Isto sitúaos moito máis lonxe da súa estrela do que están Xúpiter ou Saturno do noso Sol. Atópanse a só 5 e 10 veces a distancia Terra-Sol, respectivamente.

Os investigadores tamén descubriron que os dous exoplanetas son moito máis pesados que os do noso sistema solar: o planeta interior ten 14 veces a masa de Xúpiter e o externo seis veces máis.

O equipo realizou as observacións durante a súa procura de planetas novos e xigantes ao redor de estrelas parecidas ao Sol, pero moito máis novos. A estrela TYC 8998-760-1 ten ‘só’ 17 millóns de anos e atópase na constelación austral de Musca (A Mosca). O investigador Alexander Bohn descríbeo como unha “versión moi nova do noso propio Sol”.

As imaxes foron posibles grazas ao instrumento SPHERE instalado no VLT. Este instrumento bloquea a brillante luz da estrela usando un dispositivo chamado coronógrafo, permitindo ver os planetas, cuxa luz é moito máis débil.

A observación permitirá comprender mellor a formación dos planetas noutros sistemas, como o que acolle á Terra

Mentres que os planetas máis antigos, como os do noso sistema solar, están demasiado fríos como para ser detectados con esta técnica, os planetas novos son máis quentes, e por tanto brillan máis no rango infravermello da luz. Tomando varias imaxes durante o ano pasado e analizando datos antigos que se remontan a 2017, os científicos confirmaron que os dous planetas son parte do sistema da estrela.

Para que os astrónomos poidan comprobar se estes planetas se formaron na súa localización actual, afastada da estrela, ou migraron desde outros lugares, serán necesarias máis observacións deste sistema. O futuro Telescopio Extremadamente Grande (ELT) de ESO pode axudar nesa tarefa e no estudo da interacción entre os planetas veciños.

Bohn conclúe: “A posibilidade de que os instrumentos futuros, como os que estarán dispoñibles no ELT, sexan capaces de detectar mesmo planetas de menor masa ao redor desta estrela, marca un fito importante na comprensión dos sistemas multiplanetarios, con posibles implicacións para a historia do noso propio sistema solar”.


Referencia: Two Directly Imaged, Wide-orbit Giant Planets around the Young, Solar Analog TYC 8998-760-1. (Publicado en The Astrophysical Journal Letters).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

As dúas choivas de estrelas que non podes perder de aquí a final de ano

No mes de novembro coas leónidas e no de decembro coas xemínidas os amantes da astronomía teñen dúas citas que non deben esquecer

Astronomía para a toda a familia neste obradoiro da UVigo

Celebrarase este martes 10 de outubro, a partir das 17.00 horas, e está dirixido a un público familiar

O cometa Nishimura, eclipse de Lúa e chuvia de estrelas: a guía astronómica do que resta de ano

Entre os próximos fenómenos atópase a última superlúa de 2023, que acadará o seu esplendor o 29 de setembro