Fuga de talentos, precariedade, desigualdade de xénero… Son moitas as dificultades con que se atopa a investigación en Galicia neste 2020 marcado por unha pandemia. Cando máis necesaria se fai a ciencia, máis desprotexida se atopa, ás veces con carencias crónicas que nos deben obrigar a todos e todas a recapacitar sobre as necesidades do saber para o futuro máis inmediato. Ese é o obxectivo da Semana da Ciencia do Concello de Pontevedra, que se celebra os días 23 e 25 de novembro a partir das 20.00 horas con destacadas investigadoras galegas que nos contarán os principais desafíos a afrontar no traballo cotián e as súas propostas para superalos.
A actividade, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello, consistirá en dúas entrevistas con Olalla Vázquez, que actualmente dirixe un laboratorio na universidade alemá de Marburg, e con María de la Fuente, directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). As conversacións emitiranse en directo desde o Pazo da Cultura de Pontevedra e serán presentadas pola concelleira Carme Fouces.
Na programación da Semana da Ciencia de Pontevedra participa o equipo de GCiencia, premio Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio de divulgación científica, que conducirá as entrevistas, difundidas a través de gciencia.gal e as súas canles de Youtube e Facebook.
O luns, 23 de novembro, a invitada será María de la Fuente (As Pontes, 1978). É licenciada en Farmacia pola USC (2001), e realizou a súa tese de doutoramento no departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da mesma institución. Realizou estadías nas universidades de Valladolid e Kuopio (Finlandia). Durante a súa etapa posdoutoral traballou durante catro anos na Escola de Farmacia da University College of London e ao seu regreso, despois de dous anos no CiMUS da USC, puxo en marcha a Unidade de Nanooncoloxía no IDIS de Santiago, co obxectivo de abordar novas ferramentas de terapia e diagnóstico, baseadas en nanotecnoloxía, para combater o cancro e a metástase.
O encontro poderase seguir en directo nas canles de Facebook e Youtube de GCiencia.
Nos últimos anos, De la Fuente foi unha das impulsoras da campaña “Ou científica ou nai“, coa que reclamaron ás institucións que financian as convocatorias de investigación que solucionen os problemas aínda existentes debido á penalización que sofren as nais que dispoñen de permisos de maternidade. Froito desta campaña, o Goberno español accedeu a revisar as convocatorias para frear esta discriminación.
A segunda das entrevistas, o 25 de novembro, será con Olalla Vázquez (Pontevedra, 1981). É graduada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (2004), onde realizou tamén o seu doutoramento, dirixido polos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez. Realizou estadías en Harvard e a universidade Humboldt de Berlín. Despois de presentar a súa tese, incorporouse ao laboratorio do profesor Oliver Seitz na universidade berlinesa. No 2011 recibiu unha bolsa Marie Curie para explorar a síntese de proteínas destinadas a combater o cancro. No 2014 estableceuse na Universidade Phillips de Marburg, onde na actualidade lidera o seu propio laboratorio de Química Biolóxica.
Durante a súa carreira, Olalla Vázquez recibiu numerosos galardóns como o premio Lilly (2009), o European Young Chemist (2012), o Fulbright-Cottrell (2016), o SPP1926 Young Research Award (2017), MarBiNa Research (2018), o premio á Mellor Investigadora Europea Nova en Química Biolóxica (2020), ou o Premio á Investigadora Nova Líder de Grupo da Real Sociedad Española de Química (2020).
As Semanas da Ciencia, un evento anual nacido en Francia e instaurado en España en 2001, constitúen o maior evento anual de divulgación da ciencia en Europa. Celébranse no mes de novembro cos obxectivos de achegar a ciencia ao público de todas as idades, estimular o gusto polo saber científico e incentivar a participación dos cidadáns en cuestións científicas.