Xoves 30 Novembro 2023

A actividade solar leva auroras boreais ata as Illas Británicas

A intensidade dunha nova tormenta solar xeomagnética provoca que estes fenómenos luminiscentes se vexan en latitudes máis baixas do normal

Unha longa estela verde no ceo. Unha luz brillante, espectacular, ilumina a noite. Un fenómeno impresionante. As auroras boreais case nunca son visibles en zonas como Galicia, aínda que a historia nos agasallou algunhas durante os anos 1938, 1957 e 1989. Estes días, a intensa actividade solar está a ser a causante de que estes fenómenos luminiscentes se poidan ver en latitudes máis baixas do normal, como no norte das Illas Británicas. Aínda que aquí, na nosa terra, teremos que seguir esperando.

Máis polo miúdo, o Centro de Predición do Clima Espacial da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) dos Estados Unidos deu aviso dunha forte tormenta solar, capaz de crear as condicións favorables para ver as auroras boreais. Ao parecer, producíronse unha serie de erupcións na atmosfera do sol que saíron cara ao campo magnético do espazo e máis concretamente cara a Terra. Ao golpear a atmosfera do noso planeta, son capaces de xerar tormentas xeomagnéticas. Estas últimas poden producir dous fenómenos: ou ben a interrupción das comunicacións, ou ben as auroras boreais. Todo un espectáculo creado polas partículas no campo magnético que rodea a Terra, capaces de emitir luz.

Visibles moi ao sur

Por regra xeral, as auroras son visibles moi ao norte, nas latitudes próximas aos polos. Non obstante, a intensa actividade solar que se está a desenvolver estes días pode provocar que estes fenómenos luminiscentes sexan visibles máis ao sur, incluíndo parte das Illas Británicas. Segundo informa o medio Sky News, as auroras non só foron visibles en Escocia, senón tamén no condado de Devon, situado ao sur de Gran Bretaña. O espectáculo nocturno foi visible na noite do mércores 3 ao xoves 4 de novembro. Os estadounidenses dos estados de Minnesota, Montana, Wisconsin, Nova Inglaterra e as Dakotas tamén se deleitaron coas auroras.

De feito, dise que esa noite, a do mércores ao xoves, houbo unha das exhibicións de auroras boreais máis intensas dos últimos anos. Capaz, incluso, de ser visible dende puntos que non adoitan ser habituais. Aínda que a inmensa maioría destes fenómenos son verdes, as luces tamén poden ser vermellas ou azuis, que se adoitan corresponder coas tormentas solares máis intensas. As últimas, en concreto, son moi pouco comúns.

Aínda que dende Galicia non as poidamos observar aínda, seguiremos esperando a albiscar a primeira do século nesta zona. Cando chegue o momento, debemos recordar que se aplican as mesmas regras que para a observación das estrelas: sitios con pouca contaminación lumínica e ceos despexados. Talvez isto último sexa máis complicado. De todas formas, a NOAA di que as auroras poden ser visibles dende centos de kilómetros de distancia. Iso si, se as condicións son as axeitadas.

Volverán as auroras boreais a Galicia?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia