Martes 28 Novembro 2023

Unha fábrica de obxectos únicos grazas ás tecnoloxías 3D

Nas aulas da Escola de Enxeñería de Deseño Industrial de Ferrol cruzáronse os camiños de Iago, Carlos e Roberto. Durante a carreira, compráronse entre os tres unha impresora 3D para imprimir as maquetas dos traballos dalgunhas materias. Aquilo foi o xermolo do proxecto que chegou ata hoxe como ITFAB, convertido xa nunha empresa cun futuro prometedor nun sector que crece a cada día que pasa.

Nos días de facultade, estes tres mozos ofrecían aos seus compañeiros de escola un servizo de impresión para estas maquetas. O paso máis serio dérono cando Sergio uniuse ao proxecto cun investimento “chave para a compra de máis maquinaria e difusión”, explican os creadores de ITFAB.

A proximidade e a atención persoal a cada un dos seus traballos é unha das bases sobre as que se asenta este proxecto. “Cada cliente parte dun punto concreto desde o cal nós recollemos a idea, ata conseguir o produto fabricado nas súas mans”, contan. “Tanto se só tes unha idea debuxada no papel coma se xa puideches modelar por computador a peza, ITFAB asesora que técnoloxía e que materiais se adaptan máis ao teu proxecto para conseguir o resultado esperado”.

Os clientes

Quen solicita os servizos que ofrece ITFAB? Case todos teñen en común que buscan “fabricar pezas únicas e concretas; desde talleres de reparación de coches (con produtos a medida para o cliente final) ata cartelería para unha nova barbería, estudos de deseño con novos conceptos ou escolas de hostalería”, son algúns dos exemplos de proxectos que acoden a esta empresa.

En pouco tempo, ITFAB fíxose cunha carteira de clientes importante, “cun volume xa propio dunha empresa, non simplemente dunha start- up”, aclaran os seus creadores. Pero queda moito camiño: “Queremos aumentar a nosa capacidade produtiva para abarcar máis industrias e democratizar o uso destes métodos de fabricación a distintos niveis da sociedade e a industria”, engaden.

Modelo propio de impresora 3D desenvolvido por ITFAB.
Modelo propio de impresora 3D desenvolvido por ITFAB.

A tecnoloxía

E como se fan estes produtos en 3D? “Usamos robots construtivos que van superpoñendo a información, de cada modelo 3D, ‘capa a capa‘. Todo parte dun volume dixital que se procesa en función de material e da máquina concreta que hai que usar para seccionalo en capas de centésimas de milímetro de altura; así, os robots van debuxando cada capa engadindo ou quitando material ata obter o resultado final”.

Con estas premisas, os impulsores do proxecto matizan que, “a diferenza doutras empresas relacionadas con esta tecnoloxía, ITFAB non ofrece maquinaria. Nós ofrecemos solucións de fabricación e asesoramento a través das tecnoloxías de impresión 3D”. Con todo, non é unha porta pechada: “Isto non nos exclúe de dominar todo o relacionado coa construción destas máquinas e o movemento RepRap, de coñecemento opensource. De feito, grazas a iso, construímos nosas propias máquinas e ferramentas”.

[box size=”large”]ITFAB gañou a segunda edición de Connecting for Good Galicia, que impulsan GAIN e Vodafone[/box]

Todo este esforzo tivo xa varios recoñecemento. ITFAB foi o gañador da segunda edición do programa de aceleración Connecting for Good Galicia, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Fundación Vodafone España, unha experiencia moi positiva para o equipo. “Entramos cunha idea de negocio moi pouco definida, pero co paso das mentorías e os cursos de formación fómoslle dando forma á actual fórmula de ITFAB”.

O apoio de GAIN e Vodafone foi, por tanto un antes e despois para o proxecto que naceu un día na Escola de Deseño Industrial de Ferrol. “Conseguimos facer unha proposta de valor enfocada, e grazas ao premio económico do programa, puidemos establecernos na Coruña, coa infraestrutura necesaria para dar o salto á industria”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ovo, unha nova materia prima coa que crear bebidas e iogures saudables

Wovo é unha marca de Campomayor que non contén lactosa, glute, graxa, colesterol, hidratos de carbono nin azucres engadidos

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

Autobuses sen fume nin ruído: a tecnoloxía limpa que percorre medio mundo

UNVI é unha empresa de Ourense que desenvolve ambiciosos proxectos sustentables para reducir emisións contaminantes

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia