A historia do Freesterra-1, respirador que desenvolveu a empresa coruñesa Bionix Technologies, é un grande exemplo de como o talento e as ganas de servir á sociedade poden dar paso a un proxecto empresarial rendible e que xere riqueza no país. A pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 transformou en apenas dous meses esta start-up, que desenvolveu un modelo de respirador para pacientes de Covid-19 (aplicable tamén aos doutras patoloxías) que podería chegar a fabricarse nun prazo duns dous meses, se saen adiante as certificacións aínda pendentes.
Jacobo Penide, fundador e único socio da empresa, explica que Bionix naceu a finais de 2017 e dedícase fundamentalmente a ofrecer solucións integrais ás empresas para o seguimento das súas operacións comerciais, mediante o uso da tecnoloxía RFID, internet das cousas e intelixencia artificial. “Sempre pensei que é unha mágoa que en Galicia non se fabriquen produtos sanitarios e mesmo fixemos algún intento no pasado por poñer en marcha algún proxecto. Cando estala a crise da Covid-19 e vimos o colapso sanitario que se produciu en España crin necesario achegar os nosos coñecementos para loitar contra esta pandemia e comezamos co proxecto do respirador”, explica Penide.
Os primeiros deseños fixéronse a principios de marzo. Bionix conseguiu a colaboración doutra empresa tecnolóxica galega, Cinfo, e tamén da Fundación Nóvoa Santos que xestiona o hospital Teresa Herrera da Coruña e promove a investigación sanitaria. Traballouse día e noite para perfeccionar o deseño e en apenas 24 días conseguiron realizar un primeiro prototipo. O obxectivo final era acadar un respirador invasivo, apto para pacientes cunha patolóxica tan aguda como a Covid-19.
Unha vez deseñado o prototipo comezaron as probas e o respirador superou os ensaios de compatibilidade electromagnética, de seguridade eléctrica e funcional. Realizáronse de forma satisfactoria os ensaios en animais (porcos) e tamén nun simulador humano. O paso que queda pendente son as probas en persoas reais e espérase poder realizalo en poucas semanas, cando cheguen as autorizacións correspondentes. En todo momento seguíronse as recomendacións da Axencia Española do Medicamento e do organismo homólogo británico para o desenvolvemento deste tipo de aparellos.
Penide sinala que cando xurdiu a pandemia anunciáronse moitos proxectos para o desenvolvemento de respiradores, pero finalmente só saíron adiante cinco en toda España e un deles é o desenvolvido por Bionix. “O noso respirador ten un concepto diferente ao doutros. É un aparello sinxelo pero con boas prestacións, cun custo razoable e de fabricación escalable. Demostramos a capacidade tecnolóxica para deseñar este tipo de produtos en Galicia. Contamos con socios industriais galegos para fabricar o respirador que ensamblaremos nas nosas instalacións da Coruña”, indica o CEO de Bionix.
Bionix traballa noutro respirador máis sinxelo que podería usarse con pacientes leves de Covid-19
Se o proxecto supera a etapa final de probas a fabricación poderían comezar en pouco tempo e Penide apunta que poden chegar a fabricarse mil equipos semanais. “Aínda que non tiñamos experiencia con produtos sanitarios ao final o proceso de construción é moi similar ao doutros que fabricamos, hai que aplicar a mecánica, a electrónica e o software. Agora que realizamos este desenvolvemento, decidimos abrir unha nova liña de produción na empresa para este produto. Xa hai interese no estranxeiro porque, como é obvio, hai moita demanda de respiradores por todo o mundo”, sinala Penide.
A certificación CE para o respirador tamén está en proceso e o CEO de Bionix destaca como “fundamental” a axuda recibida por parte de Axencia Galega de Innovación (GAIN), da Xunta de Galicia, para dinamizar o proxecto e poder chegar antes ao mercado. Penide amósase orgulloso de poder demostrar que o seu vello soño de fabricar este tipo de produtos en Galicia era posible, a pesar das difíciles circunstancias nas que se viron obrigados a desenvolver o proxecto.
Ademais do Freesterra-1, Bionix está a traballar no desenvolvemento doutro respirador, este non invasivo, que será máis sinxelo e aplicable a pacientes que teñan unha afección máis leve da Covid-19, por exemplo. “Esta proxecto demostra que se pode partir dunha idea altruísta para acabar desenvolvendo un produto que pode crear oportunidades e riqueza en Galicia”, conclúe Penide.