Xoves 30 Novembro 2023

O raio verde, sobre as Sisargas e retratado desde cabo Prior

A secuencia, captada en novembro de 2020 por David Couce, recolle o curioso fenómeno desde case 50 quilómetros en liña recta

Desde o cabo de Santo Hadrián, fronte ás Illas Sisargas, en Malpica de Bergantiños, ata o cabo Prior, en Ferrol, hai case 50 quilómetros en liña recta por mar, aínda que por terra o percorrido é por forza máis longo. Nos días claros, pode observarse todo este tramo de costa, un dos máis extensos que pode albiscar o ollo humano no litoral de Galicia. E en novembro de 2020, unha fermosa casualidade, na que confluíron as condicións do tempo atmosférico coa situación do Sol ao poñerse, dou pé a unha fotografía dun instante que, de seguro, pouca xente ten a sorte de ver.

Na parte do sur do Prior, nunha zona coñecida como A Cova, David Couce estaba preparado coa súa cámara. “Desde fai uns días tiña calculado que dende un tramo de costa de Covas, o Sol ía poñerse xusto por detrás da Illa Grande das Sisargas”, explica. E aquel día estaba no momento e o lugar indicado. Tal e como acontecera en ocasións anteriores nas que David retratara o raio verde, o ceo estaba despexado e non facía vento. Mais hoxe, o atractivo engadido era o de captar o fenómeno xusto por riba do faro da Illa Grande. Esta é a secuencia completa, sorprendente pola extraordinaria luz do escintileo verde sobre o Sol.

Secuencia do raio verde sobre o faro das Sisargas. Imaxes cedidas por David Couce.
Secuencia do raio verde sobre o faro das Sisargas. Imaxes cedidas por David Couce.

Que é o raio verde?

O fenómeno coñecido como raio verde adoita producirse xusto despois da saída do Sol ou antes do solpor. É debido a que en determinadas condicións a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual velo, e aínda menos retratalo. Artistas e escritores como Jules Verne (que lle dedicou un libro á súa procura) teñen moito falado sobre el. Tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito.

Hai outra variante, menos habitual: o raio azul ou violeta. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Ata hai pouco tempo había escasos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Nos últimos anos, foi observado e retratado en varias ocasións en Galicia. O primeiro retrato do que hai constancia é o de Alfredo Madrigal, que o observou en Loiba en 2016.

1 comentario

  1. Cuando vemos o raio verde no sol en realidades xa esta por en baixo da liña do horizonte fai uns 8 minutos….. E o efecto óptico da atmósfera a que fai que o vexanos ainda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As altas temperaturas do Atlántico atraen especies tropicais a Galicia: estas son as principais

Varios exemplares de 'Coryphaena hippurus', propia de augas cálidas, apareceron hai uns días no porto de Malpica

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas

O raio verde, retratado dende a praia ferrolá de Doniños

A secuencia, captada en novembro de 2022 por David Couce, recolle o curioso fenómeno dende o norte do país