No ano 79, o volcán Vesubio entrou en erupción, guindando á atmosfera unha nube mortal de gas volcánico, pedras, cinzas, e fumes a unha altura de 33 km, expulsando rocha fundida e pedra pómez pulverizada a razón de 1,5 millóns de toneladas por segundo. A potencia da erupción podería ser comparada á liberación de centos de miles de veces a enerxía térmica do bombardeo de Hiroshima.
As cidades de Pompeia e Herculano foron borradas e quedaron enterradas debaixo do masivo fluxo piroclástico e choiva de cinza. Na actualidade se teñen atopado os restos de máis de mil corpos, pero o número total de persoas que morreron na erupción é descoñecido.
Pero os arqueólogos seguen a atopar restos daquel cataclismo. De feito que, esta fin de semana, case dous milenios máis tarde, foron desenterrados nunha gran vila nos arredores de Pompeia, “dous esqueletos de individuos atrapados na furia da erupción”, dixeron os funcionarios no sitio italiano preto de Nápoles nun comunicado.

Os investigadores cren que os achados son os dun mozo escravo e dun home maior máis rico, duns 40 anos, baseándose nos vestixios da roupa e a súa aparencia física.
A cidade en ruínas de Pompeia quedou mergullada en cinzas despois da erupción do Vesubio no 79 d. C. Agora é a segunda atracción turística máis visitada de Italia despois do Coliseo de Roma, e recibiu case 4 millóns de visitas o ano pasado.

O enorme sitio que se estende sobre 44 hectáreas é o que queda dunha das cidades máis ricas do imperio romano. Capas de cinza enterraron moitos edificios e obxectos nun estado case prístino, incluídos os cadáveres das vítimas. Vertendo xeso, nunha técnica inventada por Giuseppe Fiorelli en 1867, puideron analizar mellor os restos atopados. Isto crea un molde de sulfato cálcico que amosa as formas dos corpos das dúas vítimas, en posición supina, onde caeron.
Os dous esqueletos foron atopados durante as escavacións en curso en Civita Giuliana, a uns 700 metros ao noroeste de Pompeia, nunha vila con vistas á baía de Nápoles. Os dous corpos foron atopados nunha habitación lateral do “cryptoporticus”, un corredor debaixo da vila onde poderían ir buscar refuxio. Mentres continúan as escavacións no sitio de Pompeia, o turismo desapareceu debido ás medidas do coronavirus .