Martes 28 Novembro 2023

As dúas choivas de estrelas que non podes perder de aquí a final de ano

No mes de novembro coas leónidas e no de decembro coas xemínidas os amantes da astronomía teñen dúas citas que non deben esquecer

Achégase a época do ano na que as choivas de estrelas leónidas e xemínidas alcanzan a súa máxima expresión. O primeiro dos fenómenos astronómicos será visible no mes de novembro e, o segundo, no de decembro. No que respecta ás leónidas, esta choiva de estrelas ten unha actividade máis modesta, mentres que as xemínidas teñen unha frecuencia moito maior, o que as converte nunha das máis activas do ano xunto coas perseidas de agosto. Este ano os amantes da astronomía están de sorte porque ambas coinciden nos días seguintes a lúas novas polo que a súa visión será idónea.

As leónidas, que se espera este 2023?

As leónidas teñen unha actividade modesta, entre 10 e 20 meteoros por hora. Cada 33 anos, coincidindo co paso do cometa 55P/Tempel-Tuttle no seu perihelio—é dicir, o punto da súa traxectoria no que está máis próximo ao Sol—, as leónidas dan lugar a espectaculares tormentas de meteoros. É por isto que os afeccionados á astronomía poñen moita atención a este fenómeno.

O 2023 será un bo ano para a observación das leónidas, debido a que o seu momento de máxima actividade se producirá catro días despois da lúa nova. Se queres gozar dunha noite de choiva de estrelas reserva a madrugada do 17 ao 18 de novembro. O crecente de lúa ocultarase e permitirá observar os meteoros en condicións óptimas. Haberá que esperar o prognóstico do tempo para comprobar se a súa visibilidade será boa.

O radiante, o punto de orixe das leónidas.

As xemínidas en decembro

Con respeto ás xemínidas, teñen unha taxa de actividade por encima dos 120 meteoros por hora e unha velocidade de 35 quilómetros por segundo durante varios días, o que as converte nunha das choivas máis activas do ano xunto ás cuadrántidas de xaneiro e as perseidas de agosto. Os amantes das choivas de estrelas terán, previsiblemente, boas condicións de visión dado que a madrugada do 14 de decembro coincidirá un día despois da lúa nova. En principio, poderase gozar deste fenómeno durante toda a noite á espera da previsión do tempo.

A orixe das xemínidas foi un misterio durante séculos pois non se sabía asociar a choiva de meteoros con ningún cometa coñecido. No ano 1983, o telescopio espacial de infravermellos IRAS (lanzado pola NASA) identificou un asteroide, chamado Faetón, e ao estudar a súa órbita, concluíuse que era o causante da choiva de estrelas. Trátase pois dun caso peculiar, xa que practicamente todas as choivas de meteoros coñecidas están causadas por cometas.

O “radiante” das Xemínidas

Que facer para velas?

O lugar de observación pode ser calquera con tal de que proporcione un ceo escuro. É preferible observar desde un lugar que teña poucos obstáculos para a vista (como edificios, árbores ou montañas), e non utilizar instrumentos ópticos que nos limiten o campo de visión. Aínda que as leónidas parecen vir da constelación de Leo e as xemínidas da constelación de Xémini (de aí os seus nomes), pódense ver en calquera parte do ceo. Convén dirixir a mirada cara ás zonas máis escuras, na dirección oposta á posición da Lúa se a observación se realiza cando esta estea presente. O máis cómodo é tombarse e esperar a que a vista se afaga á escuridade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

Astronomía para a toda a familia neste obradoiro da UVigo

Celebrarase este martes 10 de outubro, a partir das 17.00 horas, e está dirixido a un público familiar

O cometa Nishimura, eclipse de Lúa e chuvia de estrelas: a guía astronómica do que resta de ano

Entre os próximos fenómenos atópase a última superlúa de 2023, que acadará o seu esplendor o 29 de setembro

Así se viu o cometa verde dende Vila de Cruces

As redes sociais comezan a inundarse de imaxes do fenómeno astronómico da última decada