
Explicación: case fóra da vista desde o noso fermoso planeta e rotando ao redor do bordo occidental do Sol, a xigante rexión activa AR2673 atacou con outra intensa fulguración solar seguida dunha gran expulsión de masa coronal o 10 de setembro. A propia erupción pode ollarse aquí á dereita na imaxe do ultravioleta extremo tirada polo Observatorio de Dinámica Solar (SDO ou Solar Dynamics Observatory) que axexa ao Sol. Esta intensa fulguración foi a cuarta da clase X desde AR2673 neste mes. A expulsión de masa coronal máis recente asociada á rexión activa colisionou coa magnetosfera da Terra 2 días despois. Despídete da intensa AR2673, polo de agora. Durante as vindeiras dúas semanas, o potente grupo de manchas solares está na beira traseira do Sol.