
Explicación: o cúmulo estelar NGC 6823 está a converter paseniñamente as nubes de gas en estrelas. O centro do cúmulo aberto, visible na parte superior dereita, formouse hai só dous millóns de anos e está dominado no seu brillo por unha chea de estrelas mozas azuis e brillantes. Algunhas partes do cúmulo máis externas, que se poden ollar no centro da imaxe publicada na forma de estrelas e piares da nebulosa de emisión chamada NGC 6820, conteñen aínda estrelas máis novas. Os enormes piares de gas e po probablemente acadaron a súa forma alongada pola erosión procedente da radiación quente emitida desde as estrelas máis brillantes do cúmulo. Tamén poden ollarse espectaculares glóbulos escuros de gas e po por toda a parte superior esquerda da imaxe publicada. O cúmulo estelar aberto NGC 6823 abarca uns 50 anos luz e atópase a uns 6.000 anos luz de distancia cara a constelación da Raposa (Vulpecula).