Con motivo do décimo aniversario do xornal GCiencia, gustaríame dedicar unhas palabras para lembrar a importancia da divulgación das novidades e avances no mundo da ciencia e da tecnoloxía.
Non podemos esquecer que da ciencia e da tecnoloxía dependen o desenvolvemento socioeconómico dun país e polo tanto o benestar das persoas e o resto de seres vivos que o habitan. Galicia ten unha enorme capacidade para contribuír neste desenvolvemento que está a ter lugar a nivel global.
Unha importante responsabilidade dos científicos é dar conta á sociedade do destino dos fondos públicos que recibe e contribuír ao desenvolvemento da cultura científica na sociedade da nosa contorna. Este achegamento da ciencia á sociedade conséguese principalmente grazas á divulgación científica. Pero divulgar ciencia non sempre é tarefa fácil xa que temos que ser capaces de converter a linguaxe técnica e ás veces complicada que usamos os investigadores para comunicarnos entre nós, en palabras axeitadas para que o coñecemento chegue á maior cantidade de persoas. Só así se conseguirá que os científicos sexamos máis valorados e que o público entenda como os grandes progresos alcanzados en diferentes ámbitos da ciencia inflúen na nosa forma de vivir, de relacionarnos cos demais e na sustentabilidade dos recursos naturais.
Divulgar en galego contribúe á conseguir proximidade e empatía entre o científico e o pobo
Aínda que podemos facer divulgación en calquera idioma, divulgar en galego contribúe non só á consolidación desta lingua na Ciencia senón tamén a conseguir proximidade e empatía entre o científico e o pobo galego, o cal son aspectos clave no proceso de comunicación científica e que sempre están presentes en GCiencia.
Hoxe en día, cos avances das tecnoloxías da comunicación é fácil atopar demasiada información científica, pero o importante é saber diferenciar Ciencia de “pseudociencia“. Por iso, non hai que esquecer o importante papel que xogan os xornais dedicados á divulgación, como é o caso de GCiencia, para que moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público, xa que é ben coñecido que unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada.
Unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada
A divulgación é fundamental tamén para fomentar vocacións científicas na mocidade. A través da divulgación debemos transmitir xa desde a infancia o importante que é manter o entusiasmo e ilusión ante os novos descubrimentos, así como fomentar a curiosidade, sorpresa, imaxinación e o sentido crítico ante o que se observa e ocorre ao redor. Desta maneira, as novas xeracións poderán chegar a ser todo o que se propoñan e terán capacidade de contribuír a facer un mundo un pouco mellor.
Por todo o dito, temos que felicitar ao xornal GCiencia e a todo o seu capital humano polo o seu décimo aniversario como medio líder de divulgación en galego tanto polos seus contidos xornalísticos escritos como tamén audiovisuais, en streaming ou formato pódcast. Desexo que o seu éxito como axente divulgador da ciencia en galego continúe polo menos durante dez anos máis.