Martes 28 Novembro 2023

Gciencia renóvase polo seu décimo aniversario

O xornal da ciencia estrea deseño, renova a cabeceira e impulsa novos proxectos para celebrar os seus dez anos de vida

Gciencia inicia este xoves un novo ciclo. Con motivo do seu décimo aniversario, que se fará o próximo 25 de novembro, o xornal de divulgación científica emprende unha nova fase no seu proceso de constante transformación, para abordar os desafíos cada vez máis esixentes do seu proxecto xornalístico. Un novo deseño dixital, a remodelación da súa cabeceira e a incorporación de novos proxectos informativos son os fitos principais dun modelo premiado e que demostrou a súa sustentabilidade nos seus primeiros 10 anos de existencia, pero que mantén a súa aposta decidida polo xornalismo de calidade para seguir sendo durante moito tempo o gran portal da ciencia galega.

A base é a mesma. Gciencia quere seguir sendo unha combinación de xornalismo e divulgación, e por iso o lema da súa cabeceira mantense intacto, pero abandona o deseño da súa cabeceira que estreou en 2018, precisamente polo seu quinto aniversario, para ofrecer un novo logo máis sinxelo e lexible, creado polo equipo de creativos de Esmerarte baixo a dirección de Santiago Rodríguez. Agora é en negro cun verde máis tenue como cor secundaria da cabeceira, a terceira que estrea este xornal na súa traxectoria.

Xerarquización de contidos

A outra gran novidade consiste no novo deseño na internet, unha imaxe renovada que tende a estruturar os contidos de forma fácil e accesible. Nun mundo no que a información flúe de forma cada vez máis torrencial e caótica, Gciencia propón incentivar a xerarquización e a distribución dos seus contidos, para ofrecelos ao lector de forma ordenada e ponderada, cunha aposta clara por unha mirada propia e coa combinación de amenidade e rigor que caracterizan a este xornal desde o seu lanzamento, o 25 de novembro de 2013.

O novo deseño, liderado polo coordinador dixital Alejandro Pereiro, tende a primar os textos sobre as fotografías e a facilitar a lectura e a comprensión non só das noticias, senón da propia portada do diario, como un resumo en grao sumo relevante do mundo da ciencia, particularmente en Galicia, segundo o criterio dos xornalistas que fan Gciencia.

O modelo estreado este xoves incorpora de forma máis dinámica novas narrativas cada vez máis ligadas ao xornalismo dixital, como os contidos audiovisuais ou o pódcast, cuxa importancia creceu de forma notable nos últimos anos. No novo deseño os formatos axilízanse para permitir explicar, conectar e relacionar mellor os datos e os ángulos que dan forma a unha noticia. Cambia tamén a tipografía dos titulares e algunhas seccións, pero sempre coa premisa de conservar os vínculos co Gciencia de sempre.

Outras dúas novidades ligadas á renovación son a aceleración da velocidade de carga dos contidos, froito dun profundo traballo técnico, e a incorporación de .gal como dominio principal, unha mostra da identificación do proxecto de Gciencia con Galicia. 

Nunha contorna na que o acceso ás noticias se nutre de novas ferramentas, Gciencia aposta tamén pola creación dunha nova canle de WhatsApp, para manter unha conversación máis persoal e directa coa audiencia. As novas canles como a de WhatsApp e Telegram súmanse a unhas redes sociais que superan xa os 130.000 seguidores, o que fai da comunidade de Gciencia a terceira dos medios de comunicación de Galicia, despois da dos dous grandes periódicos galegos con versión de papel.

Outra das novidades que estrea Gciencia está relacionada co boletín que reciben diariamente miles de subscritores, unha newsletter que a partir deste xoves se realiza de forma xerarquizada e personalizada. Ese mail que cada noite chega ao correo electrónico dos lectores co mellor do día en Gciencia presenta uns índices de apertura e de lectura que confirman a confianza dos abonados neste proxecto informativo.

Os xornalistas de Gciencia na redacción.

Para completar as novidades ligadas ao décimo aniversario, o diario que dirixe Pablo López ultima unha aplicación móbil que pronto estará dispoñible para teléfonos Android e IOs. Trátase dunha das principais apostas para a nova etapa que se abre para o períodico da ciencia galega, derivada da evidencia de que en torno ao 80% dos seus lectores acceden aos seus contidos a través do smartphone.

Gciencia inicia así a celebración dun aniversario que se completa coa publicación de artigos e entrevistas con algúns dos personaxes máis destacados da ciencia galega e con colaboracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os tres reitores, a presidenta do Consello da Cultura de Galicia, a delegada institucional do CSIC en Galicia e o presidente da Real Academia Galega das Ciencias, entre outras autoridades.

Como parte da celebración do décimo aniversario, durante os próximos 10 días —un por cada ano de existencia, ata o aniversario do 25 de novembro—, Gciencia compartirá cos seus seguidores os saúdos de personalidades galegas da ciencia, a cultura, as artes e a comunicación, que quixeron sumarse á celebración cos seus vídeos de felicitación polo décimo aniversario. Publicará neste tempo reportaxes sobre esta primeira década de xornalismo científico en galego e recuperará algunhas das noticias e reportaxes de maior impacto publicadas por Gciencia.

1 comentario

  1. Gústame o deseño novo, máis considero que o novo estilo de letra dos titulares na páxina principal resulta máis confuso e menos intuitivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

Saega, innovación permanente para destacar no sector dos drons

A empresa de Serra de Outes foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios Spin-Off PuntoGal 2023

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH