Martes 28 Novembro 2023

Dez anos de xornalismo e divulgación

Hai dez anos vimos con interese o nacemento dun novo medio de comunicación especializado en ciencia, e ademais en ciencia feita en Galicia. Gciencia foi unha aposta arriscada no panorama mediático daquel entón. Era un medio exclusivamente dixital, en galego e especializado pero sen caer na xerga científica que podería apartar ao gran público das súas noticias. Así naceu baixo o epígrafe de xornalismo e divulgación, nunha clara demostración de intencións que desde a Universidade da Coruña non puidemos máis que aplaudir.

Hai dez anos que contamos cunha canle de comunicación para transmitir á sociedade o traballo realizado na institución académica polo persoal docente e investigador. Na Universidade, ademais da docencia dedicamos unha gran parte do noso horario laboral á investigación. De feito, o 70% da investigación que se leva a cabo en Galicia realízase na Universidade.

Investigación básica, investigación aplicada e transferencia de tecnoloxía. Todas son relevantes pero non sempre entendible por parte da sociedade pola propia natureza dos proxectos. Neste sentido é salientable o traballo de divulgación realizado por Gciencia pois faise con criterios xornalísticos; isto é, con rigor e con claridade, para facilitar a compresión do labor investigador, ás veces árido por parte da sociedade en xeral.

Gciencia contribúe a que a sociedade teña esta boa percepción da ciencia e a investigación

España é o país europeo coa maior percepción de confianza cara ao persoal científico e investigador. De feito, ocupa o primeiro posto no Índice de Confiabilidade Global seguido do persoal médico. Curiosamente, o persoal docente ocupa o terceiro posto nesta listaxe, o que non deixa de ser moi satisfactorio para os que nos dedicamos a labores formativos e investigadores durante moitos anos.

Estou seguro de que Gciencia contribúe a que a sociedade teña esta boa percepción da ciencia e a investigación.

Levamos pois unha década accedendo á investigación e á innovación que se fai en Galicia e non podemos máis que desexar moitas décadas máis porque isto contribuirá a unha sociedade máis formada, informada e crítica.

Julio Abalde
Julio Abalde
Reitor da Universidade da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina de dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde